The Wild Festival celebrará a súa cuarta edición do 8 ao 10 de xullo no parque forestal de San Miguel de Oia

21 Xuño 2022

O obxectivo de The Wild Festival, novamente, é converterse nun espazo integrador no que pasar unha xornada apreciando a natureza e respectando o medio ambiente a través da música, gastronomía, deporte, cinema, artesanía, charlas, acampada… do 8 ao 10 de xullo, nunha contorna natural incomparable, o parque forestal de San Miguel de Oia coa fermosa panorámica das Illas Cíes como fondo.

O festival segue apostando polos valores cos que naceu: achegar á cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente. Nesta edición, como nas pasadas, haberá concertos, charlas, xogos para os máis pequenos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas.

En definitiva, The Wild volve para ser un festival ambiental e familiar no que gozar dunha gran variedade de actividades deportivas, lúdicas e concienciación nunha contorna natural e salvaxe.

Xacobeo Wild Race

The Wild Race é unha carreira de obstáculos que incluirá elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, Strongman ou PaleoTraining e que farán a competición máis completa e espectacular.

Esta nova edición da carreira deportiva, que se celebrará o 3 de xullo, aumentará o percorrido a 8 km e contará con máis de 35 obstáculos e desafíos naturais.

A proba dividirase en dúas modalidades. Unha individual onde os corredores poderán escoller entre a categoría Elite ou Popular. A outra será a modalidade Wolf por equipos, onde a estratexia e a colaboración dos seus integrantes será decisiva no resultado final. Ademais, incluirase unha categoría específica para nenos, a Pequerace.

Concertos

A noite do venres estará amenizada polas últimas confirmacións do festival: Woyza and the Galician Messegers, que fusionan con orixinalidade o soul e o hip- hop con repertorio tradicional galego; Boyanka Kostova, o dúo de trap con máis retranca, formado por Saibran Yiyi e o Chicho do Funk; e Músculo!, reis da electrónica galega e gañadores dos premios Martín Códax nesta categoría.

No vermú do sábado actuará A Roda, a banda de música tradicional fundada en Teis en 1976, e pola noite será a quenda do grupo de versións de coñecidos temas dos 70, 80 e 90, Wondercovers; seguidos pola madrileña Aurora & the Betrayers, o toque bluegrass dos Moonshine Wagon, o indie rock dos Corizonas e a potencia metalera dos vigueses Aphonnic.

O domingo o público poderá gozar na sesión vermú do dúo Blues do País, acompañado pola banda Sindicato da Verbena, que farán bailar aos asistentes coa súa mestura de cantigas galegas levadas ao terreo do blues e o R&B.

Actividades infantís

O público familiar poderá gozar dunha completa programación con teatro, contacontos e outras actividades lúdicas e creativas deseñadas especialmente para que os máis pequenos da casa disfruten dun día na natureza.

O sábado é a quenda de Peter Punk e Brais dás Hortas, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia. Cé Orquestra Pantasma, actúa o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén ou o domingo haberá unha sesión de conta contos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar ‘O país da choiva’.

The Wild Cinema

Unha selección das mellores e máis impactantes películas de cinema ambiental, nas que a temática volve ser a natureza, a aventura e a sustentabilidade.

Andaina solidaria

Unha camiñada de 6 km, que levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque como a zona de petróglifos ou os miradoiros, onde se poderá gozar coas mellores vistas da Ría de Vigo e as Illas Cíes.

Os fondos recadados serán doados á Asociación Bicos de Papel, que dedica os seus esforzos para acompañar e apoiar aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e ás súas familias.

A actividade é apta para calquera persoa de calquera condición física, cun máximo de 100 participantes. A inscrición ten un prezo de 10 €.


Está pasando!