Borja Santamaría e Álvaro Carou na presentación do XXXII Congreso AEV | © Concello de Vilagarcía

Vilagarcía acollerá do 6 ao 8 de decembro o 32 Congreso da Asociación Española de Eurovisión, cun concerto e actividades abertas ao público

2 Decembro 2024

  • O Concello de Vilagarcía, por iniciativa do televisivo Borja Santamaría, acollerá entre os días 6 e 8 de decembro, é dicir, a fin de semana da Constitución, o 32 Congreso da Asociación Española de Eurovisión
  • Á cita acudirán arredor de cen eurofans de todo o país. Serán tres días cheos de actividades, moitas abertas ao público, incluído un concerto de cantantes que participaron no festival
  • O concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, destacou o feito de que encontros como este contribúen a desestacionalizar a oferta e a difundir a imaxe da cidade en todo país

Segundo indicou Borja Santamaría, o habitual das reunións da Asociación Española de Eurovisión é que se celebren en grandes cidades, a última, Sevilla. Esta é a primeira vez que se despraza a unha vila, de aí que se amosase especialmente orgulloso de ter convencido á entidade.

Lucía Pérez, Carlos Higes ou o palestino Bashar Murad, que participou en Eurovisión cunha banda islandesa, serán algúns dos intérpretes que pasarán pola praza da Peixería nun concerto no que estarán acompañados pola big band da Banda de Música de Vilagarcía.



Os participantes chegados de toda España asistirán a unha cea de gala no pazo do Castriño e tamén farán unha xira turística por Vilagarcía e a ría. Ademais, asistirán a encontros co público no Salón García, o sábado 7, nunha xornada na que tamén haberá concursos de coñecemento do festival europeo.

Ese mesmo día, pola noite, e na Peixería, se celebrará o concerto citado, “Vilavisión”. As entradas xa están á venda na plataforma klapper.es. Os ingresos serán destinados integramente ás persoas damnificadas pola Dana en Valencia. Xunto co apoio do Concello de Vilagarcía, os organizadores tamén contarán co da Deputación de Pontevedra, que se fará cargo do luz e o son, e o da Xunta de Galicia, que colaborará co desprazamento e aloxamento dos membros da Asociación.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e de Promoción Económica felicitou a Santamaría por ter logrado que esta xuntanza se celebre en Vilagarcía, o que sen dúbida axuda a manter o nivel de eventos que hai cada mes e fóra da tempada propiamente turística. Así mesmo, animou ao público a participar, subliñando especialmente o carácter solidario do concerto.

Está pasando!