Volve o Galegote Rock con 15 concertos e dous escenarios

15 Maio 2021

A Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra recupera o festival de música en galego Galegote Rock, tras o adiamento da pasada edición por mor da irrupción da pandemia. O cartaz recupera ao redor do 80% das bandas programadas para o ano pasado.

O festival terá lugar durante tres días (28, 29 e 30 de maio), durante os que se programan 15 concertos en dous espazos que estarán acoutados e contemplarán as medidas sanitarias esixidas: as escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e o palco da música na Alameda.

Segundo informou o concelleiro Alberto Oubiña, a recuperación do Galegote Rock únese ao concerto de Ortiga programado para o domingo 23 de maio ás 13h na praza da Ferraría, no marco da iniciativa Cabos Soltos, e co que se dá o pistoletazo de saída á que será a recuperación da música ao vivo na cidade.

O Galegote Rock sitúase, ademais, como peche do mes de maio, entendido como o mes dedicado ás letras galegas. Neste sentido, o concelleiro de Normalización Lingüística lembrou que, durante o que resta de mes, se poderá visitar a exposición ‘Cantámola en galego’ situada na praza de Ourense e que permite facer un percorrido pola música que
marcou as dúas primeiras décadas do século XXI.

Marcos Rivas e Alberto Oubiña na presentación do “Galegote Rock” | © Concello de Pontevedra

Pola súa banda, o programador Marcos Rivas fixo fincapé na gran calidade da música actual en galego asegurando que “neste momento, en Galiza está habendo moitísimo nivel” e conminou “ao resto de festivais” a apostar por bandas galegas “sen traer tantas de fóra”. Neste sentido, lembrou que a situación sanitaria é unha oportunidade para amosar a música que se fai en contornas máis próximas e apostar pola cultura propia.

Sobre o cartaz do Galegote Rock, salientou a variedade de estilos que se introducen nesta edición, mantendo o rock como base pero introducindo propostas de rap ou mesturas de estilos como cumbia e salsa (como o caso de Los Rastreadores, colaboración de Ortiga con Grande Amore), ou espectáculos que introducen elementos visuais con imaxes e luces (como Laura Lamontagne & Pico Amperio).

Programa do Galegote Rock 2021:

Venres 28

• 19:00 h. Su Garrido Pombo. Escaleiras das Palmeiras

• 20:00 h. TNT Band. Palco da Alameda

• 21:00 h. Moucho. Escaleiras das Palmeiras

• 22:00 h. Monoulious Dop. Palco da Alameda

Sábado 29

• 13:00 h. Arturo Delgado. Escaleiras das Palmeiras

• 14:00 h. Peña. Palco da Alameda

• 19:00 h. Zeltia Irevire. Palco da Alameda

• 20:00 h. Noiteaka+2Pasos. Escaleiras das Palmeiras

• 21:00 h. O cadelo lunático. Palco da Alameda

• 22:00 h. Lume. Escaleiras das Palmeiras

Domingo 30

• 13:00 h. Pauliña. Palco da Alameda

• 14:00 h. A Rabela. Escaleiras das Palmeiras

• 19:30 h. Desjobernaos. Escaleiras das Palmeiras

• 20:30 h. Los Rastreadores. Palco da Alameda

• 22:00 h. Laura Lamontagne & Pico Amperio. Escaleiras das Palmeiras

Está pasando!