A Área de Igualdade de Vilagarcía desenvolve unha semana de “Muller e Cultura” cun debate e espectáculos en directo e streaming

10 Novembro 2020

Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía de Arousa pon en marcha unha semana dedicada á “Muller e Cultura” co obxectivo de poñer en valor a aportación creativa das mulleres da contorna, analizar as perspectivas de xénero na produción cultural e ofecer á cidadanía modelos próximos de mulleres creadoras.

Esta actividade está enmarcada dentro do III Plan de Igualdade do Concello e financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2020. Nesta edición, tívose que adaptar aos novos tempos que estamos a vivir.

A “semana” comezará o vindeiro mércores, día 11, coa retransmisión para tódolos centros educativos do municipio de espectáculos on line, gravados xa en días pasados, pero que estarán en aberto dende as 9:00h ata as 15:00h a través do enlace de Youtube que se lles facilitará. Deste xeito, trátase de facilitar que tódalas aulas poidan conectarse de xeito particular ao longo da mañá cando mellor lles conveña, para non interferir nin nas súas dinámicas diarias nin nos protocolos escolares pola Covid-19 ao non romper os grupos establecidos en cada centro.

Para os cursos de primaria irá dirixido o espectáculo “O Pozo das señoras”, de Rilo e Penadique, un evento narrativo-musical de 45 minutos de duración. Nel se contan historias sorprendentes protagonizadas por mulleres e fiadas por pequenas correntes de auga e emocións.

Para os cursos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos, o espectáculo será “Benquerer(se)” de Aldaolao, cunha duración de 50 minutos. Trátase dun musical humorístico que aborda a temática do xénero dende a experiencia de mulleres, xirando arredor de conceptos como a realidade universal ou o amor romántico sempre co ton humorístico que caracteriza ás súas creadoras, Lucía Aldao e María Lado.

Xa o venres 13, ás 18:30h, na Sala de Conferencias do Auditorio, terá lugar o faladoiro “Mulleres xestoras e creadoras”, onde se abordará a realidade das mulleres no sector e a necesidade de incrementar o número de mulleres en postos de responsabilidade na xestión cultural. Tendo en conta as novas medidas para previr a expansión do coronavirus, o aforo será o permitido no actual decreto, pero tamén será retransmitido en streaming a través do facebook e o canal de youtube do Concello.

Por último, o sábado 14, ás 19:00h no Salón García, terá lugar a representación da obra “Bravas”, protagonizada pola actriz galega Isabel Risco. Unha obra que fala sobre mulleres sen medo, que paren, aleitan e constrúen. Mulleres empoderadas que ao longo dos anos se enfrontaron á máquina do poder estabelecido coas armas da xustiza social e da igualdade para transformar a realidade e conseguir un país mellor. A obra fará a súa preestrea en Vilagarcía. Entregaranse entradas ao comezo das actividades ata completar o aforo permitido (30 persoas).

Descarga aquí o programa completo

Está pasando!