Presentación da Festa do Mar de Vilaboa 2025 | Concello de Vilaboa

A Festa do Mar de Vilaboa modifica o formato e inclúe a cociña en vivo na propia carpa

31 Marzo 2025

Durante os días 12 e 13 de abril poderán degustarse en San Adrián pratos de ameixa, choco e mexillón en diferentes elaboracións e a prezos populares


O Concello de Vilaboa presentou a cuarta edición da Festa do Mar, que se desenvolverá no recinto de San Adrián de Cobres os días 12 e 13 de abril.

O acto tivo lugar a bordo do barco bateeiro “Vidal Calvar” cunha mostra de produto elaborado como símbolos do obxectivo deste evento: o recoñecemento do traballo da xente do mar e a posta en valor das capturas na ensenada que se centran en mexillón, choco e ameixa.

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica, César Poza e Carmen Gallego, estiveron acompañados pola patroa maior da Confraría María del Carmen Cortegoso e por Ana Calvar, en representación das bateeiras para promocionar unha Festa que neste ano modifica o seu formato debido, en parte, ás dificultades que atravesa o sector e que complican conseguir o produto necesario.


Presentación da Festa do Mar de Vilaboa 2025 | Concello de Vilaboa

Este ano serán dous os restaurantes que se ocupen de servir as preparacións. Os equipos de cociña de A Garboa e a Casa de Rosa da Mazaroca trasladaranse á carpa durante as dúas xornadas da Festa do Mar para cociñar en vivo e ofrecer as súas elaboracións en formato tapa e prato, de xeito que este ano será posible degustar e tamén comer na carpa con prezos asequibles que variarán en función do prato.

A oferta gastronómica complétase co posto de polbo de Iván e outro de ostras a cargo de Tito de Arcade, as empanadas e os doces serán cousa da Panadería Os Laranxos e o Bar Chancho encargarase das bebidas. Terán presenza da Festa tamén as adegas Ardán e Os Areeiros, que presentarán os seus viños como adianto da Festa do Viño que terá lugar en maio.



A música terá tamén un apartado destacado xa que haberá charangas que ambienten as diferentes sesións. Los Dinámicos, Os Encerellados e Os Jalácticos serán as encargadas de animar a Festa, que o domingo contará tamén na carpa con inchables para o goce dos máis pequenos.

Tanto César Poza como Carmen Gallego aproveitaron a presentación para reivindicar das administracións un maior apoio ao sector do mar ao que o Concello de Vilaboa respalda cada ano cunha aportación para a semente de ameixa.

Está pasando!