A Guarda programa ‘Miúdo Verán’, con actividades para os máis pequenos da casa

23 Xuño 2022

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, programa ‘Miúdo Verán’, con actividades que terán lugar entre o 7 de xullo e o 11 de agosto, pensadas para os máis pequenos da casa e que contan con cinema, maxia, danza, humor, música e moito máis.

A programación de actividades de ‘Miúdo Verán’ arranca na xornada do xoves día 7 de xullo ás 22:30 horas coa proxección da película de animación infantil ‘El Principito’ na Praza do Reló.

Nesta sesión de cinema de rúa, unha nena pequena vive nun mundo de adultos xunto a súa nai, quen intenta preparala para a dura realidade, esperando que a súa filla creza rápido. Pero, grazas ao excéntrico e amable aviador que ten como veciño, a xoven descubrirá que existe outro mundo onde todo é posible. Así, escoitará fascinada as interesantes historias sobre o Principiño, á vez que comprende a importancia de prestar atención as cousas realmente importantes.

Para continuar coa programación de ‘Miúdo Verán’, na xornada do xoves día 14 de xullo ás 20:30 horas o Auditorio de San Benito será o escenario para a realización do espectáculo de danza e humor ‘Sofá’.

Nesta actividade dirixida a público infantil, xuvenil e adulto atopamos a unha parella e o seu sofá. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O sofá é o lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Pablo e Marta están enfermos. Enfermos de cansazo e aburrimento. Pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido.

Para o xoves día 21 de xullo regresa o cinema de rúa coa proxección da película de animación infantil ‘Bella y el circo mágico’ ás 22:30 horas na Praza do Reló.

Bela está a organizar un circo para o seu mellor amigo, Henry. Está moi emocionada e espera ser a atracción principal cun fantástico truco de maxia. Pero o mesmo día do circo, un mozo molón, se muda á veciñanza. Ten unha idea espléndida para o espectáculo: quere facer un truco en bicicleta. Henry está asombrado polo mozo novo, mentres que ela sente que está a perder ao seu mellor amigo. Non pode soportalo máis e obriga a Henry a elixir entre o novo mozo ou ela. Henry non quere magoar a ninguén, sae correndo e desaparece. É cando ela ten que ir buscar ao seu inimigo, para que lle axude a atopar a Henry. Ten que salvar o circo, pero sobre todo a súa amizade.

O xoves día 28 de xullo chega a música a ‘Miúdo Verán’ co concerto de Pakolas ‘Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo’, ás 20:30 horas na Praza do Reló.

En ‘Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo’, Pakolas preséntanos o seu último libro disco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020).

Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten  unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Xa no mes de agosto, o xoves día 4 terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de San Benito ‘Carman’, un espectáculo de humor, malabares, equilibrio e clown.

‘Carman’ de Javier Ariza, é unha comedia de rúa para un excéntrico showman e un Seat 600, un divertido espectáculo para todos os públicos no que un coche icónico cobra vida e terminará por moverse sen condutor nunha rutina musical e circense que pode levarlles incluso a eurovisión.

O xoves 11 de agosto ás 20:30 horas o Auditorio de San Benito da Guarda acolle o Festival Mundial de Ilusionismo ‘Galicia Ilusiona’, un espectáculo de maxia para público familiar e amantes da maxia e ilusionismo

‘Galicia Ilusiona’ é un Festival de Ilusionismo que pretende levar maxia e ilusión por toda Galicia entre os meses de agosto a outubro. O Festival preve á realización de espectáculos de gran calidade para todos os públicos que se levarán a cabo en máis de 100 concellos repartidos polas 4 provincias galegas.

Maxia dun altísimo nivel da man dxs mellores e máis premiadxs ilusionistas do momento que inundarán de ilusión Galicia nun ano máxico inesquecible.

A asistencia aos eventos de ‘Miúdo Verán’ é de balde ate completar o aforo dispoñible en cada caso, a alternativa no posible caso de choiva comunicarase nos días previos a cada evento.

O Concello da Guarda convida a toda a veciñanza, especialmente aos máis cativos, a gozar desta programación especialmente dedicada para eles. A programación da axenda de verán 2022 será comunicada nos vindeiros días.


Está pasando!