A mostra fotográfica sobre o confinamento en Pontevedra trasládase ao paseo Antonio Odriozola

24 Setembro 2020

As fotografías que recollen o confinamento en Pontevedra, tanto a través da mirada de 60 pontevedreses e pontevedras como do fotoxonalista Ramón Leiro, permanecerán expostas no paseo de Odriozola ata o vindeiro 15 de outubro.

O Concello tomou a decisión de ampliar o tempo de exposición para permitir que un maior número de persoas se poida achegar a esta mostra, que está a espertar un certo interese social por recoller miradas moi diversas sobre a situación excepcional vivida entre os meses de marzo e maio deste ano.

A mostra, que fora inaugurada o 10 de agosto e permanecera na Alameda durante algo máis dun mes, recolle as 60 fotografías que concorreron ao certame ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020′, aínda que o protagonismo recae nas 15 fotos seleccionadas por un xurado especializado, por considerar que son as que mellor documentan o impacto e a pegada dunha situación que permanecerá para sempre na memoria colectiva.

Esta exposición inclúe tamén unha selección de 30 fotos do fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ramón Leiro que baixo o título ’60 días de alarma’ documenta os dous meses do estado de alarma na cidade desde a perspectiva da práctica profesional do fotoxornalismo.

Convén lembrar que as 15 fotografías seleccionadas corresponden a veciños e veciñas de Pontevedra, con idades comprendidas entre os 9 e os 67 anos, e que achegan a súa mirada persoal sobre situacións comúns daqueles días insólitos, entre as que predominan paisaxes e rúas baleiras e xestos de ánimo e solidariedade.

O certame fotográfico ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020’ fora convocado pola Concellaría de Cultura con motivo do Día das Artes Galegas (instituído o 1 de abril pola Real Academia Galega das Artes), co obxectivo de conxugar a posta en valor da arte, a participación activa da veciñanza, e a execepcionalidade do día a día que se viviu durante os meses de
confinamento. Entre as 60 fotos recibidas, un xurado composto pola xestora cultural e directora de Cultura da Deputación, Paula Cabaleiro, o comisario Ramón Rozas e o profesor de Belas Artes e especialista en fotografía e imaxe dixital, Fernando Salgueiro, seleccionou as 15 que protagonizan a mostra.

Está pasando!