Cinemas Ocultos | © CineClub Cangas

Cangas convida a unha viaxe cinematográfica polos universos dixitais na XVIII semana de cine ‘Cinemas Ocultos’

30 Agosto 2023

O CineClubCangas presentou a programación da XVIII Semana de Cine Cinemas Ocultos, un evento que se celebrará en Cangas do Morrazo, do 29 de setembro ao 7 de outubro no Auditorio Xosé Manuel Pazos.

Este ano, a temática central serán os Universos Dixitais. A selección de películas propón unha mirada crítica e profunda sobre as redes sociais, a cultura da cancelación, as fake news, a conectividade e a soidade na era dixital.

O filme SICA (2023) dirixido e escrito por Carla Subirana será o encargado de inaugurar a XVIII Semana de Cine de Cangas cunha proxección o día 29 de setembro, ás 21:00 horas. A estrea contará coa presenza da actriz e coaching de interpretación, Vitoria Teijeiro.

A semana de cine divídese en catro áreas. Por un lado a escolma de películas centradas na temática dos universos dixitais: ARTHUR RAMBO (2021), candidata á Cuncha de Ouro a mellor película no Festival de San Sebastián; DESCONECTADOS (2018), Premio Cine en Construción no Festival de San Sebastián 2017 e candidata a premio do xurado no Festival de Sundance 2018; AUSENCIA DE VERDADE (2020), mellor documental nos Gotham Independent Film Awards 2020, candidata a gran premio do xurado Festival de Sundance 2020 e candidata mellor documental Sindicato de Produtores/as (PGA) 2020; SONNE (2022) e LEVEL FIVE (1997).



Por outra banda, unha destacada selección de películas galegas, demostrarán a riqueza e diversidade do noso cine. Comezando con SICA e continuando con TRALOS PASOS DE MARÍA CASARES (2022), en cuxa proxección participarán a directora Isabel Blanco e a actriz, Sabela Hermida. O martes 3 de outubro a sección Galicia en Curta brindará un escaparate para as voces frescas e innovadoras do noso país proxectando as curtametraxes O NENO SARDIÑA (2022), O COIDADO (2023), MARIVÍ, NA PEL DA MEMORIA (2022), PARA MATAR A GUERRA (2021), NUN TEMPO DE HORTA (2022). As directoras Laura e Coral Piñeiro, responsables da curta MARIVÍ, NA PEL DA MEMORIA, Premio Furacáns mellor curta de non ficción no Festival de Cans, participarán na proxección. Así como o director da curta PARA MATAR A GUERRA, Xoán Fernández; e o director de O COIDADO, Miguel Ángel Canalejo Sagardoy.

As familias tamén terán o seu espazo con funcións de animación infantil que comezarán o sábado, 30 de setembro, coa proxección de O PEQUENO NICOLÁS (2022), e continuarán o domingo, 1 de outubro, cunha selección de curtas de animación para rapaces e rapazas a partir de 5 anos; así como outra sesión o sábado 7 de outubro para nenos e nenas a partir de 7 anos que leva por título DUNIA E OUTROS CONTOS DO MUNDO con curtametraxes de Israel, Canadá e Bulgaria.


XVII Semana do Cine | © CineClub Cangas

Espazos para a reflexión e o debate

Cinemas Ocultos non só busca entreter, senón tamén crear un espazo de reflexión e debate sobre temas relevantes da nosa sociedade. Por iso, ademais das proxeccións, a programación complétase cun faladoiro e unha presentación literaria nos que se abordarán temas de actualidade e interese social.

O luns, 2 de outubro, proxectarase a curtametraxe ARENAL (2019), Mellor curtametraxe Festival de Málaga. Tras esta proxección está previsto un faladoiro sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia con Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e docente da Universidade de Santiago. Director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde. Autor de máis de 140 artigos en revistas científicas, director de 20 teses doutorais e responsable de numerosos proxectos de investigación do ámbito da adolescencia, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais ou o ciberbullying, ao consumo de alcohol e as novas adicións. É coautor do libro ‘Adolescentes e Novas Tecnoloxías: unha responsabilidade compartida’, así como do libro ‘Entre selfies e whatsapps. Oportunidades e riscos para a infancia e a adolescencia conectada’, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online.

O sábado, 7 de outubro, ás 12:30 horas, a librería Wells acollerá a presentación da obra ‘ECOFICCIONES: Cine para sentipensar la crisis climática’. Un libro que reflexiona sobre a crise ecosocial e como a tratan as ficcións cinematográficas. Un libro que busca ofrecer palabras de alento persoas que queren vivir nun mundo mellor. A autora Asun Bernárdez é catedrática de xornalismo na Universidad Complutense con múltiples traballos arredor dos medios de comunicación de masas e a perspectiva de xénero. Actualmente dirixe o proxecto de I+D do Ministerio de Ciencia: La manosfera en las redes sociales. Produsage cultural para revertir los estigmas de género y la cultura del odio (2023-2027).

Colaboración co Museo do Videoxogo (MUVI)

O mércores 4 de outubro representantes do Museo do Videoxogo (MUVI) encargaranse de presentar a película LEVEL FIVE e tamén darán a coñecer este singular museo. O MUVI é un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do videoxogo situado na vila de Cangas. O museo atesoura unha colección con representantes de tódalas tipoloxías de sistemas que conforman a historia do videoxogo. Desde máquinas recreativas, pasando por videoconsolas e portátiles, ata unha selección dos títulos máis influentes deste medio.


Cinemas Ocultos | © CineClub Cangas

CineclubCangas: unha historia de resiliencia e compromiso co cine

O Cineclub Cangas promovido pola Asociación Cívico-Cultural Xiria é unha institución na cultura cinematográfica das Rías Baixas que continua a escribir a súa historia. A programación regular do Cineclub Cangas arrancou no ano 1978, aínda que as súas raíces se remontan a finais de 1976 e durante 1977, cando se realizaron as primeiras proxeccións.

No 1988, con motivo do seu 10º aniversario, lanzouse a Primeira Semana de Cine. Naceu coa modesta intención de ofrecer unha selección das películas máis destacadas do ano e, simultaneamente, servir como pulo para comezar con enerxía a nova temporada.

Dende 1988 ata 1996, Cangas acolleu semanas de cine de maneira ininterrompida. No 1995 chegou mesmo a celebrarse unha segunda semana de cine en decembro, dedicada ao humor. Porén, dende 1997 a 2006, a programación regular tivo moitas dificultades: peche de cines, problemas económicos e condicións non óptimas para as proxeccións.

Nos anos 2007 e 2008, o Cineclub organizou “mini” semanas de cine en novembro. A pesar das limitacións técnicas do auditorio, as semanas de cine continuaron celebrándose ata 2014. No 2015, marcouse un punto de inflexión coa mellora das condicións técnicas e a incorporación dun entusiasta grupo de novas persoas ao equipo.

Nesta renovada traxectoria, o Cineclub Cangas está comprometido en garantir a presenza do cine galego, curtametraxes e cine infantil na súa programación. Sempre que é posible, o club invita a persoas relacionadas cos filmes que se proxectan, e traballa arreo para desenvolver actividades paralelas, un ámbito no que aspira a seguir crecendo.

“Confiamos en que esta etapa sexa longa e que siga espertando o interese da xente que ama ver bo cine en pantalla grande,” di o equipo do CineclubCangas, que segue traballando con paixón para facer do cine unha experiencia compartida e enriquecedora.

Está pasando!