Chega a edición ‘máis especial’ de Noites Abertas

5 Marzo 2021

A XXII edición do programa ‘Noites Abertas’ será “a máis especial”, segundo indicou o concelleiro de Xuventude do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña quen adiantou que “nun ano distinto, a proposta tamén será distinta”. Así, explicou que nesta edición se recibiron un gran número de propostas de actividades, das cales se seleccionaron un total de 95 que se desenvolverán ao longo dos meses de marzo, abril e maio.

A ampliación dos meses para desenvolver o programa permitirá adaptar o formato das actividades segundo a evolución da situación sanitaria. Neste sentido, as actividades do mes de marzo serán en liña e, a partires de Semana Santa, decidirase mes a mes se se manteñen en liña ou se se poden realizar de xeito presencial. “Á mínima oportunidade de cambio que poidamos, sacaremos Noites Abertas á rúa” asegurou Alberto Oubiña, lembrando que este programa está concibido “como un espazo para socializar no espazo público ao aire libre, nas rúas, nas prazas e nos soportais”.



Entre as novidades máis salientables, ademais da variabilidade no formato das actividades, o concelleiro tamén salientou a obrigatoriedade de inscribirse previamente para poder participar, a través da páxina web de Noites Abertas (noitesabertas.gal). É a primeira edición na que se exixe preinscrición (en edicións anteriores só un 6% de actividades o requiría), e as actividades en liña estarán adaptadas á plataforma zoom.

Doutra banda, no cartaz desta edición non aparece o programa completo de actividades senón que se inclúe un código QR que enlaza directamente á páxina web na que se poderán consultar as actividades mes a mes e día a día, cos detalles da actividades e horarios.

Alberto Oubiña indicou que na pasada edición de Noites Abertas, das que só se puideran realizar 4 das 8 fins de semana previstas por mor da pandemia, se apreciara un incremento importante da participación, cunha media de 360 persoas por fin de semana (en 2019 a media situárase en 279 persoas por fin de semana), participando ao redor de 1.500 persoas.


Está pasando!