Candela Peña en ‘El caso Asunta’ | © Netflix

Candela Peña, Mar Coll e Javier Giner visitarán Pontevedra na recta final das actividades previas aos Feroz 2025

10 Xaneiro 2025

‘El caso Asunta’, ‘Yo, adicto’ y ‘Salve María’ proxectaranse no Teatro Principal e no Auditorio do Pazo da Cultura


Chega a recta final das actividades previas á gala dos Premios Feroz 2025 que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. Sen os nervios da cerimonia e con proximidade ao público pontevedrés, visitarán a Boa Vila novos nomeados das series e películas candidatas. Porque os Feroz en Pontevedra van moito máis alá da gala do 25 de xaneiro e como vén pasando desde o pasado mes de outubro, déronse cita algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas para proxeccións e coloquios.

O primeiro do ano será Javi Giner, guionista, director e produtor executivo de ‘Yo, adicto’, unha historia honesta e conmovedora baseada no seu libro homónimo, con 4 nomeamentos aos Feroz 2025. O venres 10 de xaneiro ás 19:00 horas no Teatro Principal proxectaranse tres capítulos da serie e despois terá lugar o coloquio entre Giner e os asistentes.

O martes 14 de xaneiro Mar Coll presentará ‘Salve María’, película candidata a 4 feroces e que xa foi premiada na Seminci 2024 (Mellor actriz para a súa protagonista, Laura Weissmahr) e no Festival de Locarno (Mención especial). A charla coa directora e guionista será no Teatro Principal tras ver o filme ás 19:00 horas.

Dous días serán os que comparta Candela Peña co público pontevedrés:

O venres 17 ás 18:00 horas proxectaranse 3 episodios de ‘El caso Asunta’ no Auditorio do Pazo da Cultura e despois a protagonista ofrecerá unha charla acompañada polas persoas que a axudaron a crear o personaxe de Rosario Porto: maquilladora, perruqueira, ‘coach’ de galego… debullarannos o proceso de transformación.

Ao día seguinte, o sábado 18 no Auditorio pero ás 16:00 horas, poderanse ver os 3 episodios finais e despois comentalos coa propia Candela Peña e outros membros do equipo, que falarán sobre como trasladaron á pantalla o suceso que conmocionou a todo o país e sobre as 4 figuras ás que opta a serie nos Feroz 2025.

A gala dos #Feroz2025 celebrarase o vindeiro sábado 25 de xaneiro en Pontevedra. En total entregaranse 21 galardóns: once de cinema, sete de series, os dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz Audi de Honra que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.

A alfombra vermella e a gala retransmitiranse en directo desde a canle de Youtube dos Premios Feroz.

Está pasando!