Esta tarde, no Multiúsos de Arcade poranse á disposición do público máis entradas, de balde, para o monólogo de Carlos Blanco, despois de esgotar as da quenda desta mañá

19 Marzo 2025

Esgotadas as entradas no horario de mañá para o monólogo de Carlos Blanco, pola tarde, de 19:00 a 21:00h., poranse a disposición das e dos interesados máis entradas, de balde, no Multiúsos de Arcade


O venres 21 de marzo, o actor e cómico Carlos Blanco presentará o seu espectáculo ‘A penúltima’, no que fará un repaso por algúns dos seus máis famosos monólogos: ‘As grandes frases das nosas avóas e avós’, ‘As bravas da Arousa (Queres Kiwis?)’, ‘A dobraxe porno’…

Será ás 20:30 horas no Multiúsos de Arcade, dentro da campaña ‘Goza do teu punto G, o Galego dáche un punto’, impulsada pola área de Normalización Lingüística do Concello de Soutomaior.

entrada ao evento é de balde. A recollida de entradas, será o mércores 19 de marzo en horario de mañá na Casa do Concello de Soutomaior, de 9:00 a 14:00h. e de tarde no Multiúsos, de 19:00 a 21:00h.

Só se entregarán, como máximo, dúas entradas por persoa. As sobrantes poderanse recoller no propio día no Multiúsos de 19:30 a 20:00h.

Apertura de portas para o espectáculo ás 20:00h.



‘GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO’

A campaña ‘Goza do teu punto G, o Galego dáche un punto’ chegará á administración local, á música, ás artes escénicas, ao deporte e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños de Soutomaior. Unha campaña en positivo e cun toque de humor para poñer en valor todo o que podemos ser dende o galego.

O Concello de Soutomaior sempre estivo á vangarda no noso idioma, foi o primeiro concello en ter unha rúa co nome de Castelao, o primeiro en ter unha rúa co nome de Alexandre Bóveda e tamén o primeiro concello en ter unha ordenanza de Normalización Lingüística, unha ordenanza que se modificou no ano 1999 e que foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación.

Esta campaña chega como resposta aos últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que certifican que son xa máis os e as cidadáns que residen en Galicia falando sempre en castelán, un 29,66%, que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua, un 24,37%.




Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.

O Concello de Soutomaior impulsará accións a través das áreas que proxectan e conectan directamente coa cidadanía impulsando o galego na escena, ofertando unha axenda municipal na que se programarán espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego; na música e monólogos de Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir e partillar, propostas musicais nas que artistas de renombre e gran tradición como por exemplo os que se realizarán na Igrexa de San Salvador como o de Mini Rivas ou Tino Baz.



Tamén se impulsará o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles formación que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego.

A campaña tamén traballará o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer e de formación que fomenten o uso da lingua…



  • As entradas para estes espectáculos, todos de balde, poranse a disposición do público o mércores anterior a cada función en horario de mañá no concello (de 9:00 a 14:00h.) e, de tarde, no Multiúsos (de 19:00 a 21:00h.)
  • Os espectáculos infantís non precisarán a recollida de entradas, serán con acceso directo ao Multiúsos no propio día e hora da función.
  • No caso de quedar entradas dispoñibles, tralo día da recollida, poranse a disposición do público unha hora antes do espectáculo no propio Multiúsos.
  • Para estes espectáculos cada persoa poderá recoller un máximo de dúas entradas e que ditas entradas son sen numerar.
  • As portas de acceso abriranse media hora antes de cada espectáculo.
  • Con toda esta información agora soamente nos queda Gozar do Punto G nas artes escénicas en Soutomaior.
Está pasando!