ABDL | © Sonia Garcia

‘Lova’, o novo sinxelo de A banda da Loba, publícase este venres 13 precedido do seu videoclip

12 Decembro 2024

  • ‘Lova’ poderase escoitar a partir das 00.00 horas do venres 13 nas principais plataformas dixitais
  • O videoclip de ‘Lova’, dirixido por Álvaro L. Barreiro, vaise presentar hoxe, xoves 12, ás 21.00 horas, cun chat en directo na canle de YouTube de ABDL
  • ‘Lovismo’, o quinto disco da banda, será publicado a comezos do 2025 e xa hai data para o seu concerto de presentación: o 1 de febreiro na Sala Capitol de Santiago

Xa está todo listo para que o público poida escoitar ‘Lova’, o primeiro sinxelo do novo traballo discográfico de A banda da Loba (ABDL) que levará por título ‘Lovismo’.

O tema estará dispoñible nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13 de decembro pero o seu videoclip, dirixido, realizado e editado por Álvaro L. Barreiro, poderase visionar antes na canle de YouTube da banda, desde ás 21.00 horas deste xoves 12.

A emisión do vídeo estará precedida dunha conversa na propia canle que contará coa participación das integrantes da banda e de Álvaro L. Barreiro.


‘Lova’, ilustración de Sonia García

En ‘Lova’ está presente o característico estilo calidoscópico de ABDL e adiántase o que vai ser o fío condutor do novo traballo do grupo: o amor. As súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― serán o leitmotiv de ‘Lovismo’, un disco onde confluirán diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindicando a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes de ABDL.

‘Lovismo’, o quinto disco de ABDL, será publicado a comezos do 2025 pero xa hai data para o seu concerto de presentación: o 1 de febreiro do 2025 na Sala Capitol de Santiago. As entradas para esta cita estarán á venda a partir do luns 16 de decembro na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira.



ABDL

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con ‘Bailando as rúas’ (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical.

Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían ‘Fábrica de luz’ e no 2021 estrearon ‘Hasme oír’, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega.

Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de ‘Xabón Lagarta’, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. A comezos do 2025 volverán aos escenarios co seu quinto álbum de estudio.

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.

Está pasando!