Presentación do ciclo ‘Ben falado’ | © Concello de Poio

O ciclo ‘Ben falado’ trae a Raxó os monólogos de David Amor e Pablo Meixe

28 Xuño 2024

  • Ángel Moldes explica que o obxectivo é buscar fórmulas amables que animen a falar galego: “e este vai ser un evento distinto, especial e con moita sensibilidade cara o noso idioma”
  • As dúas actuacións están dirixidas para o público familiar e adulto e son gratuítas

O Concello de Poio presenta o ciclo de monólogos ‘Ben falado’, que trae ao Porto de Raxó as actuacións de David Amor e Pablo Meixe os próximos 5 e 6 de xullo.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron esta mañá a iniciativa, acompañados de Beatriz Rodiño, da empresa local La Reccicladora, que colaborará coa decoración dun photocall.


Presentación do ciclo ‘Ben falado’ | © Concello de Poio

Segundo explicou Moldes, o obxectivo de ‘Ben falado’ é poñer en valor a tradición oral galega, crear un espazo de lecer, familiar e de experiencias en galego: “promocionar e fomentar o uso da nosa lingua cun instrumento tan importante como a retranca galega. O camiño non é impoñer, senón buscar fórmulas amables que animen a falalo. E este vai ser un evento distinto, especial e con moita sensibilidade cara o galego”.

Ademais, engadiu que “buscamos marcos e contornas diferentes, familiares, e nesta ocasión eliximos o Porto de Raxó. Queremos trasladar propostas e programación variada e de calidade a todas as parroquias do noso concello, para enchelas de vida e dinamizar a actividade”.



A primeira actuación, o venres 5 ás 21.00 horas, será a de David Amor, que porá en escena a peza ‘O amor está no aire’, na que o artista fala de todas as súas inquedanzas sen deixar de lado unha das súas paixóns, os aeroportos.

O sábado será quenda de Pablo Meixe, tamén ás 21.00 horas, co seu espectáculo ‘Meixeverso’, que convida a unha viaxe chea de retranca, unha gala de premios, un cine, pero por riba de todo unha oportunidade para conectar cun dos creadores de contido máis punteiros do momento.

As dúas actuacións están dirixidas para o público familiar e adulto e son gratuítas. Para a organización deste ciclo, o Concello de Poio conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

Está pasando!