‘Cuñados’ | © Portocabo

O Cineclub Bueu organiza un ciclo de cinema galego, que terá lugar en maio no Centro Social do Mar

5 Maio 2021

O Cineclub Bueu organiza durante o mes de maio un ciclo de cinema galego, que terá lugar todos os venres ás 20:30 horas no Centro Social do Mar, e no que se busca potenciar a difusión de filmes feitos en Galicia ou por profesionais galegos nos últimos tempos.


Venres 7 de maio

‘Olvido y León’ (Xavier Bermúdez, 2020)

Despois de quince anos, Olvido aceptou que os seus problemas non están relacionados coa relación que mantén co seu irmán xemelgo, León, que ten a síndrome de Down.

Podería abandonalo, pero aceptou que o que lle ocorre realmente é que está baixo a influencia de poderes que non coñece e que non identifica ben, que tecen ao seu ao redor como unha araña un cárcere de insatisfacción persoal.


Venres 14 de maio

‘A illa das mentiras’ (Paula Cons, 2020)

A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Buenos Aires e 260 persoas a bordo, afúndese fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa, tres novos insulares, María ( Nerea Barros), Josefa (Vitoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro.

Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pero aos poucos comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles “casualidades” na illa. Son moitas as incógnitas que hai que resolver.


Venres 21 de maio

‘Lúa vermella’ (Lois Patiño, 2020)

O tempo parece detido nun pobo da costa de Galicia. Todo o mundo está como paralizado, pero aínda podemos escoitar as súas voces: falan de pantasmas, bruxas e monstros.

Tres mulleres aparecen e empezan a buscar a Rubio, un mariñeiro que desapareceu recentemente no mar.​


Venres 28 de maio

‘Cuñados’ (Toño López, 2021)

Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro.

Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado.

Con todo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.


Entrada: 2,00 € para persoas socias e de 4,00 € para as non socias.

Proxeccións suxeitas a posibles cambios por futuras restricións oficiais.


Está pasando!