PAVA | © Antón&Martiño

‘O himno da lesión’, a nova canción de PAVA, xa está dispoñible

29 Novembro 2024

O sinxelo é o segundo avance de ‘PAVA 3’, o novo álbum da formación liderada por Lucía Aldao, un EP que se publicará en decembro


PAVA, a banda de pop liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, vén de publicar nas principais plataformas dixitais ‘O himno da lesión’, a súa nova creación. Trátase do segundo e novo avance do que será ‘PAVA 3’, o terceiro EP do grupo, e que verá a luz no vindeiro mes de decembro.

‘O himno da lesión’ é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. ‘O himno da lesión’ puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.



PAVA é a banda liderada por Lucía Aldao que conta con Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda.

PAVA é o resultado da evolución de ‘Pava’ (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de ‘Pava 2’ (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego.

Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. A banda lanzará o seu EP ‘Pava 3’ -do que xa se coñece ‘Catastro’, publicado en maio- a finais deste ano.

Está pasando!