O XXII Salón do Libro de Pontevedra terá lugar do 5 ao 21 de marzo do 2021 baixo o lema “Emerxencia literaria: libros para salvar o planeta”

23 Outubro 2020

“Emerxencia literaria: libros para salvar o planeta”, ese é o lema escollido para a que será a XXII edición do Salón do Libro de Pontevedra. Unha edición que está previsto que se celebre do 5 ao 21 de marzo de 2021 logo de que a edición de 2020 tivera que ser suspendida pola pandemia.

Sobre o desenvolvemento xeral do Salón, a organización apostará por un formato mixto, a través do uso de diferentes tecnoloxías pero tentando manter toda a presencialidade posible:

No apartado de participación dos centros escolares, contactará a vindeira semana para facilitarlles a bibliografía elaborada por Gálix e tentará establecer novas formas de participación para que a colaboración se manteña

Polas tardes e fins de semana manterá a programación para público familiar, tamén con formatos adaptados ás circunstancias que incluirán o “espallamento do Salón por toda a cidade, deslocalizando a celebración de actividades de xeito similar ao que se levou a cabo no verán para as Festas e que resultou exitoso. Buscaremos empregar espazos abertos, próximos ao Pazo, ben ventilados para evitar os contaxios”

O lema escollido busca profundar na importancia da cultura e dos libros para loitar contra o cambio climático.

Neste sentido, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, afirmou que o Salón do Libro do 2021 tentará conectar ao máximo co proxecto municipal Efecto PO2 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

As figuras homenaxeadas serán novamente Kiko Dasilva e Helena Villar xa que por mor do peche da pasa edición a organización considera que non tiveron a homenaxe que merecían xa que o acto non se chegou a celebrar e as exposicións organizadas en torno a ambos teñen contido moi interesante e valeroso que moita xente quedou sen ver.

+info. en salondolibro.gal

Está pasando!