Presentación do Samaín 2023 | © Concello de Pontevedra

Pontevedra vivirá unha noite terrorífica na celebración do Samaín

29 Outubro 2023

Contos, obradoiros de maquillaxes, pasacalles, música… tanto crianzas como adultos gozarán dunha Noite dos Calacús que amplía o seu programa e na que o medo estará moi presente


O medo, o terror, a noite, o Samaín. Pontevedra vivirá un 31 de outubro cheo de actividades especiais de cara a un deses días onde o outro mundo e o que habitamos están máis preto que nunca. A Noite dos Calacús está xa moi preto!

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou o pasado xoves o programa municipal para a nomeada data, acompañado do presidente do CM Zona Monumental, Miguel Lago, colectivo que xunto ao Concello promove e colabora nas actividades que traerán contos, maquillaxe, música e pasacalles terroríficos polo centro histórico.


Presentación do Samaín 2023 | © Concello de Pontevedra

«A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro é unha noite de moito medo, unha noite na que saen as bruxas, os sapos, as curuxas, as meigas e mesmo a Santa Compaña ten traballo extra», sinalou o edil. «Imos encher o centro histórico de contos e historias de terror, de pasacalles distintos».

Entre lusco e fusco, na tardiña, comezarán as actividades especiais para as crianzas, que poden ser consultadas a continuación:

  • 17.30h. Obradoiro de Calacús. Obradoiro de maquillaxe e tatuaxes (Praza de Curros Enríquez)
  • 18.00h. Contadas terroríficas infantís. Con Cris de Caldas e Bea Campos (Praza de Curros Enríquez)
  • 19.30h. Concerto da Gramola Gominola. (Praza de Curros)

Coa noite, chegarán as actividades para adultos:

  • 21.00h e 22.00h. Contadas terroríficas para adultos. Con Bea Campos, Celso Sanmartín e Quico Cadaval (Praza do Teucro, praza da Verdura e Tetuán)
  • 22.30h. Pasacalles ‘O Día dos Mortos’ de Pablo Méndez Performance (Rúas e prazas do centro histórico)
  • 22.45h. Pasacalles ‘Dragóns’ de Hípica Celta (Rúas e prazas do centro histórico)
  • 23.00h. Pasacalles ‘SubUmbra’ de Troula (Rúas e prazas do centro histórico)

Gómez indicou que no caso de choiva haberá ‘plan B’ para protexer as actividades programadas, ben cunha carpa ou ben cunha localización alternativa. Sexa como for, o edil lembrou que Pontevedra «contará cos mellores contacontos do país e as mellores compañías de espectáculos na Noite dos Calacús, coas mellores personaxes terroríficas da tradición galega, actuando na mellor centro histórico do país.

Pontevedra non para aínda que chegue o inverno e imos facer todo o que estea na nosa man para que a Boa Vila siga sendo un fervello».


Está pasando!