Culturgal 2021 desconfínase e recupera a esencia feiral en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro co lema ‘A cultura que toca’

18 Novembro 2021

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un ano máis a Feira de Industrias Culturais Galegas, Culturgal, desta volta do 26 ao 28 de novembro co lema ‘A cultura que toca’. 

Unha edición que recupera o contacto, o encontro, a conversa presencial e o directo na cultura. Ao redor do contacto e da participación estará o motor da feira 2021. Contacto entre creadores e público, entre profesionais, entre empresas e institucións.

Por iso falamos dunha Culturgal coa cultura que toca: unha feira chea de estreas, artistas e autores, alianzas e grandes proxectos para 2022. Non significa isto que tras a edición de 2020 practicamente virtual en canto á recepción do público, o evento renuncie á retransmisión de parte do seu programa. En 2021 a feira contará cunha canle única, Culturgal TV, que recollerá unha selección da programación para ser retransmitida.

Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Máis información sobre programación, acceso, entradas, etc… en culturgal.com

Está pasando!