Saen á venda as entradas para o concerto que Kiki Morente ofrecerá en Pontevedra o 22 de marzo

23 Xaneiro 2025

  • No concerto, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, e que terá lugar no Teatro Principal, presentará en directo o seu terceiro disco, “Azabache
  • O guitarrista e cantaor granadino, fillo de Enrique Morente, sobresae pola súa habilidade para actualizar o flamenco sen perder a súa esencia
  • As entradas xa están á venda en ataquilla.com

Ser fillo de dúas lendas do flamenco como son o cantaor Enrique Morente e a bailaora Aurora Carbonell, e irmán de dúas figuras renovadoras do xénero como Soleá e Estrella, son datos máis que suficientes para poñernos sobre a pista do que acontece cando Kiki Morente sube a un escenario.

O flamenco, o cante e arte en xeral non só van impresos no seu ADN senón que formaron parte da súa vida, da súa educación e da súa formación dende o mesmo berce.

Naceu Kiki Morente en Granada en 1989 e dende ben neno o seu pai inculcoulle desde a afección pola guitarra. Afección que o levou a cursar estudos superiores do instrumento no Conservatorio de Juventudes Musicales de Granada.



En 2017 publicou o primeiro disco, “Albayzín” e catro anos despois veu a luz “El Cante”. O seu terceiro álbum, “Azabache”, que agora ven a presentar en directo ao Teatro Principal coa colaboración do Concello de Pontevedra, consolidou a Kiki Morente como unha das principais voces do panorama flamenco actual. O seu carisma, seguridade e talento convérteno nun artista que cativa ao público en cada unha das súas interpretacións.

É o de Kiki Morente un talento precoz que arrincou desde a infancia acompañando ao seu pai polos escenarios máis prestixiosos do mundo. A día de hoxe, o cantaor, guitarrista e compositor destaca pola súa madurez escénica e a súa habilidade para actualizar o flamenco sen perder a súa esencia.

O seu cante vén influenciado por mestres como Manuel Vallejo, Pepe Marchena, Antonio Chacón, Manuel Torre, Pepe Pinto ou El Sevillano, entre outros. Pero ademais, Kiki Morente incorpora influencias dun amplo espectro de artistas doutros xéneros como Pat Metheny, Leonard Cohen, Cheb Khaled ou Dulce Pontes.

O concerto de Kiki Morente terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 22 de marzo ás 21:00 horas. Apertura de portas ás 20.30 horas.

Entradas anticipadas á venda dende 24,84 euros en Ataquilla.com

Está pasando!