Sanxenxo adica maio ao mes das letras cunha ampla programación cultural

3 Maio 2024

Sanxenxo adica maio ao mes das letras, dentro do programa ‘Sanxenxo Fala’, cunha ampla axenda cultural onde a poesía, o baile, a música, o teatro e os contacontos convértense no epicentro da actividade.

O Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo foi o encargado de abrir o programa o día 1 coa exposición de maios que, por mor da choiva, tivo lugar na sede deportiva.

O sábado 4 terá lugar o II Encontro Manualidades na Rúa, amenizado por Os Gatiños de Portonovo, de 17:00 a 21:00 horas, na Praza do Mercado que en caso de choiva trasladarase ao Usos Múltiples de Portonovo. O venres, 10 de maio, a compañía Oviravai, levará ‘O Violín de Luisa’ ao Auditorio Emilia Pardo Bazán. A entrada será de balde ata completar aforo.

O sábado 11 e o domingo 12 celebrarase a Lanzada de Maio, na Ermita da Lanzada con dúas xornadas nas que se porá en valor o rito das Nove ondas, haberá un mercado artesanal, teatro e música.



A actividade organizada polo Concello de Sanxenxo e a Comisión de Festas da Lanzada arrincará cunha inauguración con pregoeira a cabalo e os Airiños, Os Gatiños e Lembranzas. Ás 12:00 horas, abrirase a exposición de pintura ‘As dúas portas da Lanzada’ de Ana Cancela e a presentación do libro ‘Roteiro do Padre Sarmiento’ de Marcelino Agís. Ás 12:30 horas terá lugar a loita de época con Ulf Klan. Xa a partir das 14:00 horas haberá xogos populares.

Tatana Teatro, a partir das 17:00 horas, realizará un contacontos ‘O tesouro da Lanzada’. A partir das 17:30 horas, realizarase unha visita guiada teatralizada ‘O que viu o cormorán’ e ás 18:30 horas, haberá unha actuación musical. A partir das 22:30 horas realizarase unha representación do Rito das Nove Ondas a ás 23:00 horas haberá Cantos de Taberna a cargo dos Firrás. A partir da medianoite, terá lugar a Noite Meiga con queimada.

O domingo, 12 de maio, a partir das 11:00 horas, realizarase unha homenaxe a Otilio, gaiteiro do Salnés con actuación de Airiños. Ás 12:00 horas haberá misa e procesión e ás 12:45 horas Cantos de Taberna.

Tamén na xornada do domingo 12, celebrarase o VI Concurso de Música Tradicional Soalleira, organizado polo Concello de Sanxenxo e a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón. As exhibicións están abertas ao público de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas.

O martes, 14, terá lugar o espectáculo con Sole Felloza, ‘Contos coas Chaves do Tempo’ sobre a autora homenaxeada co gallo das Letras Galegas, Luísa Villalta. Ás 18:30 horas, na Biblioteca de Portonovo, ata completar aforo. O mércores, 15, Baia Fernández, levará a Biblioteca de Sanxenxo, ás 19:30 horas, a actuación ‘Caracol, cara de col’.

O venres, 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase o acto homenaxe a Luísa Villalta coa actuación do grupo de corda Dúo Silencio e Abiñadoira na Praza de Pascual Veiga a partir das 12:00 horas. O sábado 18, na Curva de Portonovo, terá lugar o concerto Sons das Tabernas, ás 22:00 horas.

O domingo 19, celebrarase o festival das letras, +Q Cantigas, acto conmemorativo das Letras Galegas no CEIP O Cruceiro de Vilalonga. O luns, 20, a Biblioteca de Vilalonga acollerá ‘Conto Aventuras’, a partir das 18:30 horas.

O venres 31, Cris de Caldas leva á Biblioteca de Portonovo, a actividade ‘A conta delas’, pensada para público adulto, a partir das 20:00 horas. Nesa mesma xornada, ‘Pais, fillos e outras bicherías’, espectáculo cómico-musical a cargo de Pepo Suevos, Manuel Manquiña e Dani Dopazo. A partir das 22:00 horas, no Auditorio Emilia Pardo Bazán.


Está pasando!