A artista viguesa Abi Castillo é a autora do cartel da V edición do Festival de Cine Inclusivo dedicado aos sanitarios

3 Outubro 2020

Abi Castillo foi a artista escollida este ano polo festival de Cine Inclusivo para o deseño do cartel da súa quinta edición. O festival, que se celebrará entre o 13 e o 17 de outubro en Vigo, quere homenaxear aos profesionais da saúde e dos servizos sociais como queda latente no deseño da viguesa Abi Castillo. “Quixen facer unha homenaxe a todos e todas as que nos coidan. A miña intención era transmitir fortaleza facendo protagonista a unha muller sanitaria entre focos de cine que apuntan cara fóra, proxectando un futuro que espero sexa mellor e nos faga máis conscientes do que é realmente importante”, explica a deseñadora. Nas vindeiras edicións do certame a organización espera contar con outros artistas locais para o deseño do cartel promocional, unha maneira de dar visibilidade ao talento local e de facer partícipe a cidadanía do evento.

Esta edición, que vén marcada pola crise sanitaria xerada polo COVID19, está dedicada aos sanitarios e, por ese motivo, na selección dos traballos audiovisuais presentados a concurso déuselles maior puntuación a aqueles que axudasen a dar a coñecer e valorar o traballo dos sanitarios. Ademais, no acto inaugural proxectarase, fóra de concurso, Un chaque instant, o último documental de Nicolas Philibert.

Este documentalista francés está considerado un dos mellores de Europa e do mundo e tras estar ingresado no hospital e quedar abraiado da dedicación dos sanitarios que o atenderon, filmou Un chaque instant sobre a vocación dos enfermeiros. Esta proxección faise en colaboración coa Alliance Française de Vigo e o Institut française.

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o V Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración de diferentes Administracións e entidades privadas.

Breve ‘bio’ sobre Abi Castillo

Abi Castillo é unha ilustradora e ceramista viguesa. Graduada en Belas Artes pola UVigo en cerámica artística pola EMAO en Vigo. Traballa como artista freelance, e ten realizado ilustracións para libro infantil e xuvenil para editoriais galegas como Xerais e Galaxia. Tamén ten realizado traballos murais e pequenas intervencións pola cidade. Foi premiada no concurso Novos Valores 2019 da Deputación de Pontevedra e ademais colaborou coa marca Zara do grupo Inditex no proxecto Women in Art, co que acadou proxección mundial.

No seu traballo sempre están presentes a figura feminina e a natureza, influenciada polo folclore galego e a tradición cunha mirada actual e renovada, onde a cor xoga sempre un papel importante.

Está pasando!