A choiva dá unha tregua e permite celebrar con éxito de participación a Romaría do Con da Ventureira

21 Abril 2025

Preto dun centenar de participantes iniciaron a xornada cun roteiro explicativo que partiu da Praza Pascual Veiga


Con chapeus de palla co lema “Imos a romaría do Con!” e con mochilas, así comezou hoxe a xornada para preto dun centenar de participantes nun roteiro explicativo realizado por Estrela Martínez da Asociación Andarela e que culminou algo máis dunha hora despois no recinto presidido polo Con da Ventureira.

Desde a Concellería de Cultura e Eventos de Sanxenxo, presidida por Elena Torres, apóstase por revivir esta antiga tradición que, durante xeracións, foi un punto de encontro para as familias do municipio nesta data. “Buscamos fomentar a participación veciñal nesta romaría e destacar o valor do patrimonio cultural local. Quero agradecer a implicación dos colectivos, o grupo Cantos da Terra e das empresas locais nesta edición”, asegura.


Actuación do grupo Cantos da Terra na Romaría do Con da Ventureira 2025 | Concello de Sanxenxo

Na contorna do Con da Ventureira colocouse este ano unha carpa cunha exposición de fotos antigas achegadas pola Asociación Cultural Abiñadoira que revelan a tradición desta festa popular e tamén o traballo realizado polo alumnado do colexio O Cruceiro sobre a romaría e a historia da cita.

Tras o xantar popular, onde cada asistente achegou a súa propia comida para compartir nun ambiente festivo, repartiuse chocolate acompañado de rosca, cortesía das panaderías locais Veiganova e A Ponte. A xornada continuou con música e danzas tradicionais a cargo do grupo de Cantos da Terra, ademais de xogos populares para todas as idades, recuperando así formas de entretemento tradicionais.

O Con da Ventureira é un conxunto rochoso de gran tamaño que, no seu día, serviu como referencia visual para os mariñeiros, chegando mesmo a figurar en antigas cartas náuticas baixo o nome de Con da Costa. Ademais, ao redor desta formación transmitiuse unha lenda que tamén foi lembrada durante a celebración.

Segundo a historia, unha moza que regresaba do monte tras recoller leña atopouse cunha moura ao pasar polo Con. Estes seres da mitoloxía galega son descritos como mulleres de gran beleza, con ollos azuis, pel clara e vestimentas brancas, que habitan en rocas ou mananciais, onde custodian tesouros ocultos. A moura, sentada sobre a pedra e peiteándose cun peite de ouro, achegouse á rapariga, secoulle a suor da fronte, bicouna no mesmo lugar e levouna consigo á súa morada subterránea.

Está pasando!