Toni Erdmann | © Afundación

Afundación conmemora o Día Internacional da Muller co ciclo de cinema ‘Mulleres’

9 Marzo 2022

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, o ciclo de cinema ‘Mulleres’ conformado por películas nas que as mulleres son as protagonistas e nas que se tratan temas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno. Un ciclo transversal que ten como eixo vertebrador o empoderamento das mulleres.

As películas ‘La favorita’, ‘Una cuestión de género’ e ‘Toni Erdman’ son as escollidas para formar parte do cartel do ciclo deste ano que terá lugar nas Sedes de Afundación de Pontevedra e Vigo entre marzo e abril.

As proxeccións serán en versión dobrada ao español con subtítulos para persoas xordas.

Este evento enmárcase na iniciativa solidaria de apoio a Ucraína no marco do proxecto ‘Cultura por alimentos’ que, a raíz do drama humanitario que se vive neste país, se implica tamén coas persoas refuxiadas e a súa cidadanía.

Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin.

O acceso a cada unha das sesións, que darán comezo ás 19:30 horas,  será a cambio da entrega dalgún destes produtos.

Imprescindible reserva previa en Ataquilla.com, sen custo.


FILMES E DATAS DE PROXECCIÓN

La favorita (The Favoutite) | Yorgos Lanthimos | Reino Unido | 2018 | 115 min | NRM 12)

Poderase ver o 21 de marzo en Pontevedra e o 29 de marzo en Vigo.

Película ambientada a comezos do século XVIII, cando Inglaterra se atopaba en guerra contra Francia. Unha raíña debilitada, Anne (Olivia Colman) ocupa o trono, mentres que a súa amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) é quen realmente goberna o país no seu lugar debido ao precario estado de saúde e ao carácter inestable da monarca. Cando a nova serventa Abigail (Emma Stone) aparece en palacio, o seu encanto seduce a Sarah, quen a axuda. Como a política ocupa a meirande parte do tempo de Sarah, Abigail comeza a acompañar con máis frecuencia á raíña.

Toni Erdmann | Maren Ade | Alemaña | 2016 | 156 min | NRM 16)

Proxectarase o 22 de marzo en Vigo e o 4 de abril en Pontevedra.

Inés traballa nunha importante consultora alemá establecida en Bucarest. A súa estresante vida está perfectamente organizada ata que o seu extrovertido e bromista pai Winfried chega de improviso e pregúntalle, «es feliz?» Tras a súa incapacidade para responder, sofre un profundo cambio. Ese pai que ás veces estorba e a avergoña vai axudar a dar novamente sentido á súa vida grazas a un personaxe imaxinario: o divertido Toni Erdman.

Una cuestión de género (On the Basis os Sex) | Mimi Leder | Estados Unidos | 2018 | 2010 | TP)

Proxectarase o 28 de marzo en Pontevedra e o 5 de abril en Vigo.

Biopic sobre a xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller na historia que serviu neste alto órgano xudicial. Ginsburg foi nomeada para o alto tribunal en 1993 polo presidente Bill Clinton e cambiou o curso da historia cun singular caso sobre discriminación de xénero que abriu o camiño para a igualdade nos Tribunais.

Está pasando!