Cultura Vilagarcía pon en marcha a venta de entradas con aforo dinámico para os espectáculos de teatro e danza de abril

6 Abril 2021

A Concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa pon en marcha en abril un novo sistema de venta de localidades que permite de forma automática adaptarse aos cambios de aforos e ás correspondentes distancias de seguridade que deben aplicarse nos espectáculos nas instalacións culturais.

O programa xa está operativo para os dous espectáculos a celebrar no Auditorio Municipal no mes de abril: a obra de teatro de humor “32m2” que se representa o sábado 17, e o espectáculo de danza “DeMente”, o día 30.

As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com ou do teléfono 902504500. O prezo xeral é de 5 euros, e 3 para maiores de 65 anos, mocidade e persoas desempregadas. A venta anticipada implica custes de xestión.

Actualmente, segundo as normas sanitarias en vigor, o aforo do Auditorio sitúase en 100 prazas. O sistema de venta de aforo dinámico permitirá adquirir localidades de forma individual ou, no caso de ser persoas conviventes, reservar dúas, tres, e ata o máximo de catro butacas xuntas. En calquera destes casos, o programa bloquea automaticamente as localidades que conforman o perímetro de seguridade das reservadas, tanto mos laterais como nas ringleiras de diante e detrás.

Os dous espectáculos previstos no Auditorio para o mes de abril chegan a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do convenio existente entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic.

O primeiro representarase o 17 de abril e é unha comedia da compañía Butacazero protagonizada por Xurxo Cortázar e Nuria Gullón. O texto, obra de Xavier Castiñeiras e Esther Carrodeguas, relata as visicitudes dunha parella durante o confinamento que se ven obrigados a pasar nun apartamento de 32 metros cadrados.

A compañía de danza de Fran Sieira porá en escena o 30 de abril “DeMente” un espectáculo no que a través de expresivas coreografías abórdase a temática das enfermidades mentais e a evolución do seu tratamento e comprensión ao longo da historia. O espectáculo está musicado con obras do músico vilagarcián Cristian Silva e sobre o escenario haberá 10 bailaríns. Con esta actuación, Vilagarcía súmase aos actos conmemorativos do Día Internacional da Danza que se celebra en todo o mundo o 29 de abril.

Está pasando!