Charla sobre as herbas de San Xoán en Marín

ven05xuñ20:00Charla sobre as herbas de San Xoán en Marínimpartida polo paisaxista José Souto20:00 Ateneo Santa Cecilia - Marín

Detalles do Evento

O vindeiro 5 de xuño ás 20:00 horas, o Ateneo Santa Cecilia acollerá a charla “Herbas, orballo e lume: o significado das herbas de San Xoán”, unha actividade enmarcada na programación do Día Mundial do Medio Ambiente.

A sesión será impartida por José Souto, paisaxista técnico e director de proxectos, con máis de 20 anos de experiencia no deseño e desenvolvemento de espazos exteriores e cunha traxectoria recoñecida no ámbito do paisaxismo tanto en Galicia como a nivel nacional.

Durante a charla realizarase un percorrido que partirá dunha aproximación histórica e cultural para introducirse na identificación e coñecemento botánico das plantas, abordando o seu simbolismo, así como os seus usos tradicionais e medicinais.

A proposta busca achegar ao público unha tradición profundamente arraigada en Galicia, poñendo en valor o coñecemento popular vinculado ás plantas e o seu papel na construción da identidade cultural.

O encontro combina divulgación, cultura e natureza, conectando o saber tradicional cunha mirada contemporánea da paisaxe. Poñerase o foco nas plantas como protagonistas, non só desde o seu valor ornamental, senón como parte dun ritual ancestral asociado á limpeza do corpo e da mente durante a noite máxica de San Xoán.

Ademais, se o tempo o permite, o sábado 6 realizarase unha saída ao campo para identificar e recoller algunhas das herbas tratadas na charla. O horario e o punto de encontro concretaranse o venres, xusto ao remate do faladoiro. Recoméndase levar calzado cómodo.

Ambas actividades son de balde e de acceso libre ata completar aforo.

Hora

(Venres) 20:00

Localización

Ateneo Santa Cecilia

Rúa do Forno, 42 Baixo 36900 Marín

Está pasando!