Festa dos Maios na praza do Mosteiro | Concello de Poio

Festa dos Maios 2026 en Poio

ven01mai11:00Festa dos Maios 2026 en PoioConcello de Poio11:00 Praza do Mosteiro - Poio

Detalles do Evento

Festa dos Maios de Poio contará este ano cun total de dezaseis grupos inscritos. A cita terá lugar na Praza do Mosteiro a partir das 10.30 horas e converterá o centro da vila nun espazo cheo de cor, vexetación, música e sátira para dar a benvida á primavera.

Xa pola tarde os maios trasladaranse a Combarro, ás 17.00 horas, para participar na mostra organizada polo Ateneo Corredoira na Praza da Chousa.

Nesta edición participarán grupos como Armadiña, Rockeiriño, Vilariño, Laretas, Fontenla, Mare Podium, Pitufeiro, Isidoro, Pimpín, Ronsel, Maio Maiolo, Pequemaio, Pequecheiro e Boureante, aos que se suman como novidade Chupipandi e Marexeracións.

A Festa dos Maios 2026 servirá tamén para render homenaxe a Cándido Vicente Buceta “Canducho”, de 77 anos e veciño de Albar, polo seu papel fundamental na recuperación e continuidade desta tradición. A finais dos anos 70 participou activamente na súa revitalización xunto a outros veciños, contribuíndo a manter viva unha celebración que hoxe é un dos sinais de identidade do municipio.

Canducho continúa a compoñer coplas, nas que aposta pola sátira e o respecto. Artífice tamén de instaurar en Poio o barco tradicional, facendo homenaxe á tradición mariñeira do municipio, apela á orixe enxebre e agrícola da festa.

No marco do concurso, o Concello de Poio repartirá preto de 5.500 euros en premios. Haberá tres premios na categoría mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), e mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, e mellor barco galego tradicional.

Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Este ano, como novidade, amplíanse a cinco os premios na mellor actuación e, ademais dos primeiros tres clasificados, tamén se incluirán 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros).

A maiores, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas. Durante a deliberación do xurado, inclúese a actuación musical de Vides Novas.

Hora

(Venres) 11:00

Localización

Praza do Mosteiro

San Xoán de Poio, 36995 Poio

Está pasando!