Entrega dos Premios Mulleres Femupo 2023 | © FEMUPO

Forestalis, Club Ciclista Farto e CIM Marín serán os galardoados nos Premios Mulleres Femupo 2024

22 Marzo 2024

  • Os premios recoñecen e visibilizan o traballo destacado a prol da igualdade en distintas esferas sociais: ámbito cultural, empresarial, deportivo e da administración
  • O evento terá lugar o sábado 23 de marzo na cidade de Pontevedra

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) traballa incansablemente para promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Os ‘Premios Mulleres Femupo’ recoñecen e visibilizan o traballo destacado daquelas mulleres e entidades que, desde o seu eido, sexa o cultural, o deportivo, o social ou laboral, traballan a prol da igualdade.

Nesta edición, prémianse catro entidades cuxa dedicación e esforzos foron fundamentais na promoción da igualdade de xénero e na loita contra os estereotipos e barreiras que aínda enfrontan as mulleres. As galardoadas son a empresa Forestalis no ámbito empresarial, o Club Ciclista Farto no ámbito deportivo, o Centro de Información á Muller de Marín e o Estudo Bonobo, nos eidos administrativo e cultural, respectivamente.

Como sinalan desde Femupo, o seu labor promove a igualdade e contribúe á participación activa das mulleres en todos os ámbitos da nosa sociedade.



O acto de entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ terá lugar o sábado, 23 de marzo, ás 20:30 horas no Bizarro, situado no Club Naval de Pontevedra. As galardoadas recibirán unha figura que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller.

Estes premios súmanse ao legado das galardoadas en edicións anteriores, como Diana Lameiro Aznar, directora do Centro Lingoreta; o CIM de Mos, as Cantareiras Madialeva, e o Club Waterpolo Pontevedra feminino no 2023; así como Andrea González, o equipo feminino do Clube de Rugby Coreti, o Centro de Información á Muller de Sanxenxo, e a Cooperativa Ardora no 2022. Todas elas teñen contribuído de maneira significativa a promover un cambio positivo e duradeiro na nosa sociedade.

Esta actividade é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do Ministerio de Igualdade e do Xacobeo 21-22.

Está pasando!