O FICBUEU celebrará a súa décimo terceira edición cunha intensa e coidada programación

2 Setembro 2020

En 2020, o Festival celebrará a súa décimo terceira edición cunha intensa e coidada programación.  O Centro Social do Mar acollerá un cento de proxeccións entre o 11 e o 19 de setembro, pero tamén haberá múltiples actividades paralelas das que gozar. Sen dúbida, un plan perfecto para despedir o verán.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebra do 11 ao 19 de setembro, desdobrará nesta 13ª edición as súas principais sesións para seguir dándolle cabida a un público dunhas 500 persoas por día e cumprir ao tempo con todas as medidas de seguridade derivadas da Covid-19.

O festival abrirase o venres 11 de setembro cun acto inaugural no que se estrearán as curtametraxes da Área Social. Na fin de semana haberá proxeccións matinais das seccións Infantil e Familiar, a primeira pensada para menores de 10 anos e a segunda a partir desa idade, amais de mesas redondas coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG), que tamén impartirá un obradoiro.

Xa pola tarde, o sábado 12 e o domingo 13 concentraranse tres das seccións competitivas: Galicia R e España, que se repetirán os dous días previsiblemente con algún coloquio, e mais Experimental, cunha escolma de títulos diferente en cada xornada. As 22 curtas da Sección Internacional, a máis destacada do certame, proxectaranse como viña sendo habitual de luns a venres, pero no canto de dúas sesións diarias agora serán catro. O sábado 19 celebrarase pola mañá a Gala Escolas Galegas, na que se proxectarán os traballos gañadores dos distintos niveis educativos. As curtas da nova Sección Escolas Internacionais poderán verse os días 17 e 18, en Bueu pero tamén por vez primeira na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra.

A derradeira xornada do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu acollerá aínda unha actividade de cinema e música con Buster Keaton, dirixida a público familiar, e mais a demanda Sección Comedia. Esa tarde terá lugar asemade o encontro coa actriz Melania Cruz, que recibirá o Premio Cinema Galego 2020, e para rematar a Gala de Clausura, que será retransmitida en streaming. En total, ao longo de nove días proxectaranse unhas 80 curtas.

En ficbueu.com atoparás toda a información sobre as curtas da edición deste ano. Consulta as fichas para descubrir os máis de 70 filmes que compoñen as diferentes seccións.

Está pasando!