Presentación do XVII Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra | Concello de Pontevedra

O XVII Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra volverá ao Recinto Feiral

9 Abril 2025

  • A cita, xa clásica, encherá as instalacións municipais coa chegada de centos de persoas o vindeiro 27 de abril
  • Como acción previa ao programa oficial, a asociación A Fieitiña promove esta fin de semana —12 e 13 de abril— un obradoiro coa profesora húngara Bistra Pisancheva

Non caberá unha palilleira máis. Así de cheo e así de masivo será o encontro XVII Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra que se celebrará o vindeiro 27 de abril, no Recinto Feiral.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este luns esta nova edición da clásica cita acompañado da asociación A Fieitiña, encargada da súa organización, representada pola súa presidenta, Esperanza Marín.

O rexedor lembrou que este é un evento consolidado, promovido pola asociación de Monte Porreiro, e un exemplo á hora de divulgar tradición, cultura e socialización.



«A verdade que é un encontro dos máis importantes do Estado no referido á súa calidade e número de palilleiras», indicou. «A Fieitiña procura un trato exquisito para todas as participantes tal e como quedou demostrado ao longo dos anos. Sempre contarán co noso apoio á hora de levalo a cabo».

Fernández Lores explicou o orgullosa que se sente a cidade de poder acoller esta cita, que posiciona a Pontevedra e que achega até a Boa Vila a milleiros de persoas ao longo dunha xornada realmente especial. «Pon en valor a artesanía, que cada vez tan máis importancia como motor económico no país».

Pola súa banda, Esperanza Marín agradeceu o apoio do Concello de Pontevedra, ao tempo que anunciou un obradoiro coa profesora húngara Bistra Pisancheva, que se celebrará os días 12 e 13 de abril.

O horario de apertura ao público será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas co seguinte programa:

  • 10:00 h. Apertura do Recinto Feiral
  • 10:30 h. Troco dos vales de comida
  • 11:00 h. Refrixerio
  • 12:00 h. Visitas das autoridades
  • 14:00 h. Xantar de confraternidade
  • 16:00 h. Reapertura do Recinto Feiral e reparto de agasallos e diplomas
  • 17:30 h. Sorteo
  • 19:00 h. Fin do encontro
Está pasando!