Pontevedra «non terá parada» cunha programación de verán que misturará citas de todo tipo, formatos e localizacións

21 Xuño 2022

  • A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, presentou esta mañá os diferentes eventos dun verán que comeza hoxe mesmo e que encherán de vida, ocio e cultura a Boa Vila ao longo das vindeiras semanas
  • Danza, cinema, música, animación infantil, romarías, monólogos, literatura… Pontevedra será testemuña dunha programación ecléctica e diversa, pensada para todos e todas

A concelleira de Festas, Carme da Silva, quixo deixalo claro desde o principio da presentación da programación de verán realizada hoxe: «Pontevedra non ten parada». Así o constata a ambiciosa e intensa programación que o Concello de Pontevedra ten preparada e pechada para este estío, e que promete encher de vida, ocio e cultura os barrios, as parroquias, as prazas e as rúas da Boa Vila.

Cun programa que se inicia de xeito inminente, co xa presentado Surfing the Lérez, e que chegará até o mes de setembro cunha despedida por todo o alto coa Feira Franca; o verán pontevedrés será un fervedoiro de actividades. «É un verán que chega con moita gana de alegría e de contacto humano», lembrou a edil. «O programa que hoxe presentamos non inclúe a programación da Peregrina porque decidimos sacalo separadamente porque xa sería un tomo de enciclopedia e non un libro manexable. Pronto falaremos da Peregrina e das súas sorpresas, mais aquí están todas as actividades».

«É unha programación intensa e variada, tanto pola súa diversidade na tipoloxía: danza, cinema, literatura, música, animación… como pola diversidade no número de espazos nos que teremos actividades, xa que falaríamos de ao redor de vinte lugares diferentes, dentro do centro histórico, nos barrios, nas parroquias…. E tamén será variada nos formatos, con citas máis grandes, máis pequenas ou con público sentado ou de pé. Teremos de todo», explicou da Silva.


Presentación da Axenda de Verán Pontevedra 2022 | © Atlantis Comunicación

Tal e como queda recollido no programa oficial, a Boa Vila ten por diante os seguintes ciclos ou eventos.

  • Surfing the Lérez (23-25 de xuño)
  • Ambienta (27 de xuño ao 1 de xullo)
  • III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra (2 ao 3 de xullo, en Santa Clara)
  • Animatrón (5 ao 8 de xullo)
  • Festa dos Libros (8 ao 10 de xullo)
  • Música de Bandas (9, 16 e 23 de xullo)
  • Romaría de San Bieito de Lérez (11 de xullo)
  • XXIII Memorial Ricardo Portela. Homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero (15 ao 17 de xullo)
  • XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues (20 ao 24 de xullo)
  • Festixeve (21 ao 24 de xullo)
  • Festas de Santiaguiño do Burgo (22 ao 26 de xullo)
  • Urbana Monte Porreiro (27 ao 30 de xullo)
  • Cinema a Estrelas (27 o 31 de xullo)
  • Trebellando na Alameda. Ciclo infantil de teatro música e maxia (1 ao 5 de agosto)
  • Noites de Monólogos (1 ao 5 de agosto)
  • Galicia Ilusiona (2 de agosto)
  • Itineranta (3 ao 5 de agosto)
  • Senda Festival (5 e 6 de agosto)
  • Con voz de muller (6 ao 10 de agosto)
  • O Son Local (9 ao 12 de agosto)
  • Aquí Cántase (12 de agosto)
  • Festa do Demo (23 de agosto)
  • Feira Franca (2 e 3 de setembro)

Da Silva fai fincapé na mistura e convivencia de formatos, coa recuperación de citas tradicionais no seu máximo apoxeo como o Memorial Ricardo Portela ou o Festival Internacional de Jazz e Blues; e novas apostas que aos poucos se van posicionando e gañando terreo como Urbana Monte Porreiro ou Noites de Monólogos; amais de citas populares como a Romaría de San Bieito de Lérez.

O deseño do programa foi un traballo de ERA Comunicación, inspirado nas postais dos anos 50, recreando elementos do verán pontevedreses «ou máis aló do verán» como son as camelias, o loro Ravachol, prazas recoñecíbeis e outros elementos «que forman parte de nós e das imaxes que temos na cabeza cando pensamos en Pontevedra». Ademais, a revista inclúe unha postal que pode ser recortada e enviada ou gardada como lembranza da cidade.


Está pasando!