Presentación do III Portonovo Gastronómico | Concello de Sanxenxo

Portonovo Gastronómico volve co mellor produto nas cociñas e tres días de animación nas rúas

23 Abril 2025

A entrega da Raia de Ouro celebrarase o próximo 4 de maio en casa Mariñeira de Don Fernando


A Casa Mariñeira de Don Fernando acolleu a presentación de Portonovo Gastronómico con tres días de animación nas rúas e o mellor produto nas cociñas dos locais de hostalería.

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, acompañada de colectivos de Portonovo e representantes do sector, deu a coñecer o programa da cita que terá lugar os próximos 2, 3 e 4 de maio. “Un evento que mantén a tradición da Festa da Raia á vez que amplía a súa oferta con tres ingredientes: gastronomía, música e animación nas rúas”, sinalou.

A terceira edición de Portonovo Gastronómico conta coa colaboración de 19 locais de hostalería e a implicación dos colectivos de Portonovo como Ollares, Os Gatiños, Lembranzas, Amigos da Dorna, a Coral Polifónica, Mulleres Rurais, comisión de festas, colectivo de veciños e asociación de xubilados.

“Cada local ofrecerá dúas tapas a un prezo de 5 euros que se irán selando e que permitirá a participación nun sorteo de estancias e comidas por valor de 50 euros”, explicou. O sorteo realizarase o domingo ás 16 horas.


Presentación do III Portonovo Gastronómico | Concello de Sanxenxo

Torres asegurou que é un programa pensado para gozar “toda a familia” cun total de 30 horas de actividades e 3 días seguidos con música nas rúas, concertos, animación, exposicións e xogos tradicionais.

Os rostros dos veciños de Portonovo volverán lucir en Rafael Picó cunha gran exposición realizada por Ollares de Portonovo.

A programación que pode consultarse aquí, arrincará o venres do 2 de maio e prolongarase ata o domingo 4.

O domingo, 4 de maio, celebrarase a entrega da Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando. A persoa homenaxeada revelarase nos próximos días. O acto estará dirixido pola presentadora de ‘Hora Galega’ da TVG, Rocío Durán.


Está pasando!