Redondela programa un ciclo con grandes propostas do cine galego

22 Abril 2024

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela ofrece nos meses de maio e xuño un ciclo de cine coa proxección de catro longametraxes galegas. A alcaldesa Digna Rivas, responsable do departamento, sinala que con esta proposta o SNL ofrece á veciñanza unha alternativa de ocio e cultura, ao tempo que pon en valor “a calidade do cine feito en Galicia e en galego, cun ciclo que nos achega películas de gran proxección e galardoadas en certames nacionais e internacionais”.

As entradas están xa á venda no Multiusos da Xunqueira a un prezo de 2 euros para cada película, e pode mercarse un bono para asistir a todos os pases por 5 euros.



A primeira das citas será o venres 3 de maio con “O corno”, unha película de Jaione Camborda protagonizada por Janet Novás e gañadora da Cuncha de Ouro a mellor película e do Goya a mellor actriz revelación.

Ambientada na Illa de Arousa dos anos 70, conta a historia de María, mariscadora e parteira que, tras un suceso inesperado, vese obrigada a fuxir e emprende unha perigosa viaxe na que terá que loitar pola súa supervivencia. En busca da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabandistas entre Galicia e Portugal.

“O corno” é a primeira película galega que gaña no Festival de Cine de Donostia, e a súa directora, Jaione Camborda, é ademais a primeira realizadora española que gaña este premio nos 71 anos de vida do festival.

Proxectarase ás 20.00 horas no Auditorio da Xunqueira.



A segunda das propostas é “Sica”, dirixida por Carla Subirana e protagonizada por Thais García e Nuria Prims. Conta a historia de Sica, unha adolescente de 14 anos que está obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio na Costa da Morte. Sica investiga as circunstancias do accidente e adéntrase nunha dolorosa viaxe de descubrimento.

O filme, premiado no Festival de Málaga, poderá verse o venres 10 de maio ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira.



No mes de xuño o ciclo continuará coa multipremiada “As bestas”. A cinta de Rodrigo Sorogoyen relata a historia de Antoine e Olga, unha parella francesa que se instalada nunha aldea do interior de Galicia. Un conflito cos seus veciños, os irmáns Anta, fará que a tensión creza na aldea até alcanzar un punto de non retorno. O filme conta no seu reparto con Marine Foïs, Denis Ménochet, Luis Zahera, Marie Colomb e Diego Anido, entre outros.

Gañadora de 9 Premios Goya, incluíndo Mellor película, dirección, guión e actor; Premio César á Mellor película estranxeira; Premio do Público en San Sebastián; Mellor película, director e actor (Ménochet) no Festival de Tokio; Mellor película drama, actor de reparto (Zahera) e música nos Premios Feroz entre outros moitos galardóns nacionais e internacionais.

A longametraxe poderá verse o 15 de xuño ás 20.30 horas no auditorio da Xunqueira.



O ciclo pecharase co documental “Os días afogados”, de César Souto Vilanova e Luís Avilés. O traballo recolle a construción do encoro de Lindoso (Portugal), que en 1992 alagou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque.

Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares.

Proxectarase o 22 de xuño ás 20.30 horas no auditorio da Xunqueira.

Está pasando!