Ruxe Ruxe | © Pixelín Photo

‘Unha noite no interior dunha faísca’, o novo disco de Ruxe Ruxe, chega este venres 17 de marzo

16 Marzo 2023

  • A banda de rock lanza nas principais plataformas dixitais o seu 17º traballo discográfico, un álbum con doce cortes que comparan con ‘doce relampos de luz e cor’
  • Este venres 17 Ruxe Ruxe tamén estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, é “a canción máis molona que fixemos nunca”
  • As entradas para a presentación ao vivo do LP que terá lugar o sábado 25 de marzo na Sala Capitol e na que o grupo sorprenderá ao público con máis novidades, están á venda a través da plataforma Wouticket

Este venres, 17 de marzo, ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega lanza o disco número 17 nos seus máis de 25 anos de traxectoria, cun xiro de guión e outras sorpresas. ‘Unha noite no interior dunha faísca’ chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.

No álbum ‘Unha noite no interior dunha faísca’, a voz de Ruxe Ruxe vira e da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como ‘Vaia onde vaia, Onde están?’ ou ‘Lévame á festa’. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.


Ruxe Ruxe | © Pixelín Photo

Para celebrar o lanzamento, este mesmo venres Ruxe Ruxe estreará na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas que, en palabras de Vituco Neira, cantante e guitarrista, é “a canción máis molona que fixemos nunca”. Trátase dun tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A canción acompáñase dun vídeo moi especial, que parte dunha idea de Ramón Díaz, co luxo e a singularidade de estar ateigado de ilustracións e animacións coa firma de Diego Pérez ‘Diebujitos’.

Tanto a publicación do disco coma do novo videoclip mañá venres será un aperitivo do que o público poderá catar ao vivo na Sala Capitol de Santiago de Compostela a fin de semana que vén. O sábado 25 terá lugar o concerto de presentación deste novo álbum, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que se darán a coñecer na mesma cita. As entradas para están dispoñibles na plataforma Wouticket.

‘UNHA NOITE NO INTERIOR DUNHA FAÍSCA’

Tal e como avanza a propia banda, ‘Unha noite no interior dunha faísca’ son doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa, escura e bretemosa. Son doce voces do máis alá que che falan e barullan nun día de dor e despedida. Un alxube maldito e marabillosamente agochado naquela festa de pub e fantasía. ‘Unha noite no interior dunha faísca’ somos ti máis eu, en ascuas, fascinadas e salvaxemente namoradas mentres bailamos o valse eterno da noite máis fermosa”.

‘Unha noite no interior dunha faísca’ conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. Así, entre os seus doce temas, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como ‘Zombies e licores, ‘Autoodio’ ou ‘Viva el Rey’ -no que Xaco Barona canta o retrouso-, até o son máis grunge e cru de ‘Chernóbil’. Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, como ‘Vaia onde vaia’, que torna máis escuro e tétrico no ‘Frankestein’ (que agroma a partir da lectura da tradución que Samuel Solleiro fixo da novela de Mary Shelly), ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu ‘Lévame á festa’. 


‘Unha noite no interior dunha faísca’ | © Ruxe Ruxe

Da lectura, neste caso dun xornal, naceu tamén ‘Aliens en Samil’, inspirada nun artigo do mesmo nome publicado por Xosé Ramón Pena no Faro de Vigo o 19 de febreiro de 2019. Temas como ‘Onde están?’, ‘Radiactiva’ ou ‘Crebas’ completan un tracklist no que, ademais, os de Aríns recuperan ‘Scórpio’, inspirado no texto de Ricardo Carvalho Calero e que se gravou para o disco do XXVIII festival A Mocidade coa Língua, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol en maio de 2021.

Neste novo traballo da banda, producido e mesturado por Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz, e masterizadas por Juan A. Lameiro, participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en ‘Zombies e licores’, ‘Chernóbil’, ‘Aliens en Samil’ e ‘Scórpio’), Natasha Gz (coros en ‘Chernóbil’ e recitado ‘en Radioactiva’) e Xurxo Pinheiro (guitarra en ‘Radioactiva’, sintetizador en ‘Aliens en Samil’ e coros en ‘Autoodio’ e ‘Frankestein’). A produción executiva de ‘Unha noite no interior dunha faísca’ é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de ‘Unha noite no interior dunha faísca’.


Ruxe Ruxe | © Pixelín Photo

RUXE RUXE

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda, que hoxe en día conta con David Barbas (guitarras, coros e voces), Xulia F. Neira (baixo, coros e voces), Xaco Barona (gaita e voces), Iago J. H. (batería), Xan Pericán (saxo, coros e voces) e o propio Vituco Neira (guitarra e voz).

A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En marzo de 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), cun cambio significativo no son da banda.

Está pasando!