A Orquestra Mondragón, Sonoro Maxín e Combo Dominicano poñen música á Festa do Choco de Redondela

29 Abril 2025

Nos tres días de exaltación gastronómica, do 9 ao 11 de maio, actuarán no recinto agrupacións locais como a Orquestra de Saxos, Airiños de San Simón, Rondalla de Redondela, Banda de Música de Chapela e O Carballo das Cen Pólas


A XXXVIII Festa do Choco de Redondela sumará á súa excelente oferta gastronómica unha interesante proposta musical. O primeiro dos concertos será o venres día 9, ás 19.30 horas, coa Orquestra de Saxos de Redondela, para dar paso ás 22.30 horas á orquestra Os Satélites.

Os grupos locais serán tamén os encargados de abrir os concertos do sábado. Ás 12.30 actuarán o grupo de Gaitas e Baile Airiños de San Simón, e pola tarde concerto da Rondalla de Redondela ás 20.00 horas.

Ás 23.00 será a quenda do incombustible Javier Javier Gurruchaga e a súa Orquestra Mondragón. A concelleira de Cultura sinala que “a súa transgresora mistura de humor surrealista, cabaret e e rock and roll fará bailar a varias xeracións”.

A noite do sábado rematará coa sesión dos picadiscos Borja Rúa e Rodri Vegas.



O domingo o pasarrúas da Banda de Música de Chapela comezará ás 11.30 horas, e ás 13.15 amenizará o xantar o grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas.

A música galega e en galego seguirá pola tarde, desde as 18.00 horas, co concerto do Sonoro Maxín e o seu novo álbum “A primavera ten que ser nosa”. Trátase dun espectáculo no que conviven estilos musicais diversos que van da cumbia ao rock, pasando polo merengue, entre outras propostas.

O peche porao o espectáculo da Orquestra Combo Dominicano.


Está pasando!