Un ciclo de cine de José Saramago para celebrar os 100 anos do nacemento do Nobel portugués

21 Outubro 2022

Esta mostra cinematográfica forma parte das actividades organizadas pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, que celebrará tamén un Congreso Internacional sobre o escritor de Azinhaga do 26 ao 29 de outubro


Co título ‘O surrealismo no cinema de Saramago’, celebraremos o centenario do escritor portugués en Vigo. A mostra forma parte do programa do VII Congreso Internacional José Saramago ‘A herdanza filosófica e sociopolítica de José Saramago’, presentaranse 3 longametraxes, 1 documental e 7 curtametraxes, de varios realizadores de diferentes nacionalidades, inspirados na obra e na vida do Nobel portugués.

Existen moitas adaptacións dos ‘romances’ de Saramago ao cinema. Esta será unha selección coas longametraxes máis destacadas e tamén cunha insólita sesión de curtametraxes. Todas as sesións serán presentadas e comentadas por personalidades de recoñecido prestixio no mundo do cinema galego e portugués.

Do 25 de outubro ao 19 de novembro, ás 19:30 horas, estas sesións de cinema estarán precedidas pola presentación de diferentes personalidades convidadas do ámbito do cinema e a cultura que comentarán as obras. O Ciclo de Cinema: ‘O surrealismo de Saramago no cinema’, está comisariado por Abella Producións e terá lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Este proxecto é un encargo da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, a través do seu responsable e director Burghard Baltrusch.

Na primeira sesión, do martes 25 de outubro, ás 19:30 horas, proxectarase a película Enemy de 2013, dirixida polo cineasta franco-canadense Denis Villeneuve. Adaptación cinematográfica da novela homónima de Saramago, a película conta coa interpretación de figuras tan coñecidas como Jake Gyllenhaal, Mélanie Laurent, Sarah Gadon e Isabella Rossellini.

Amplamente premiada en Canadá e España, Énemy foi gañadora de cinco premios, incluído o de mellor director, nos Canadian Screen Awards, Para conversar sobre a película, contaremos coa presenza de Javier Trigales. Guionista e crítico de cinema (con traballos para Globomedia, A Dalia Films, Shine Iberia, Eye lice Pictures e Bambú Producións), Javier Trigales é tamén profesor de audiovisuais en varias escolas, museos e centros culturais.

O 29 de outubro proxectarase no MARCO a película Embargo de 2010, do director portugués António Ferreira. A película obtivo a Mención de Honra do Xurado Internacional en Fantasporto 2010 e o Premio ao Mellor Guión Adaptado nos XVII Caminhos do Cinema Português 2010. A película está baseada nun conto de José Saramago. Para comentar a película, recibiremos ao director António Ferreira e á produtora Tathiani Sacilotto, quen comentará todo o proceso de creación e produción da película.

O 5 de novembro, o ciclo mostra a película máis íntima e persoal, o documental José e Pilar de 2010, do director portugués Miguel Gonçalves Mendes. A película acompaña a vida do escritor e a súa muller Pilar do Río na súa casa de Lanzarote. O ritmo de traballo, o pensamento de Saramago e a súa acción política están presentes en está emotiva película. O invitado desa noite será o escritor e director xeral da editorial Galaxia Francisco Castro.


‘José e Pilar’ | © Miguel Gonçalves Mendes

Experimentalismo, animación e outras propostas para traducir o universo de Saramago serán proxectadas o 12 de novembro nesta sesión dedicada aos curtos. Proxectaranse 7 curtos coa mirada máis distinta e diversa da literatura do escritor. Proxectaranse as curtas: A flor máis grande do mundo de 2007, de Juan Pablo Etcheverry, Embargo de 2018, de Noa Castro e Pepe Eiras, Sensitive Islands de 2012, de Stefaan van Biesen, Death at intervals de 2019, de Alexander Golubeff, Shepherd of Dreams de 2016, de Paulo Fajardo, Azinhaga de 2007, de Miguel Gonçalves Mendes e Desquite de 2019, de Uxue Reinoso Roldan, Amy Egan, Iker Orueta Esparza, Laida Ruiz Juarrose Judit Porto Mariño.

Para comentar as curtas, recibiremos a Severiano Casalderrey, programador e colaborador de varios festivais como FICBUE,do cal é subdirector, ou GFFF, Festival de Cinema Infantil Cinema Miudo de Ames.

O día 19 de novembro presentaremos un dos traballos máis sorprendentes no campo da adaptación cinematográfica de Saramago, Blindness (A cegas), 2008. A premiada película do brasileiro Fernando Meirelles, é unha adaptación da novela Ensaio sobre a cegueira. A película foi nomeada á Palma de Ouro do Festival de Cannes e ao premio do público do Festival Sitges 2008.

O invitado desa noite para presentar e comentar o filme co público será o Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, catedrático de Historia do Cinema e especialista en cultura audiovisual contemporánea, Xosé Nogueira.

O Ciclo de Cinema terá lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), ás 19:30 horas, con entrada gratuíta.

Proxeccións en V.O. con subtítulos en castelán.



RESUMO DA PROGRAMACIÓN

Martes 25 de outubro

  • Enemy (Denis Villeneuve, 2013)
  • Com Javier Trigales

Sábado 29 de outubro

  • Embargo (António Ferreira, 2011)
  • Com António Ferreira e Tathiani Sacilotto

Sábado 5 de novembro

  • José e Pilar (Miguel Gonçalves Mendes, 2011)
  • Com Francisco Castro

Sábado 12 de novembro (curtametragens)

  • A flor máis grande do mundo (2007)
  • Embargo (2019)
  • Sensitive islands (2012)
  • Death at intervals (2019)
  • Shepherd of dreams (2020)
  • Azinhaga (2010)
  • Desquite (2019)
  • Com Severiano Casalderrey

Sábado 19 de novembro

  • Blindness (Fernando Meirelles, 2008)
  • Com Xosé Nogueira

Está pasando!