A Placemaking Week Europe inicia o seu programa cun percorrido histórico da transformación urbana lograda en Pontevedra

28 Setembro 2022

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de ofrecer este guiado a través das experiencias teóricas e prácticas aplicadas e os seus resultados ao longo das décadas

Pontevedra acolle desde o martes 27, e ata o venres 30 de setembro, a Placemaking Week Europe, o encontro-festival máis grande de Europa sobre desenvolvemento urbano e transformación do espazo público que recolle a testemuña de Ámsterdam, Estocolmo e Valencia.

Máis de 400 profesionais de 41 países de todo o mundo participan nesta iniciativa dirixida a compartir coñecemento, aprender doutras experiencias e tecer redes que axuden a mellorar a calidade de vida das nosas cidades.

Durante catro xornadas, os placemakers escoitarán charlas inspiradoras, compartirán boas prácticas, adquirirán novos coñecementos en talleres interactivos, acelerarán novos proxectos e valeranse das achegas do placemaking para a creación de mellores cidades. O programa abrangue máis dun centenar de actividades entre as que se atopan máis de 80 talleres, paneis, visitas, exposicións, intervencións ou presentacións, 21 conferencias maxistrais e a participación de máis de 70 relatores de diferentes países. Ademais, dedicarán unha parte do programa a aprender e traballar con retos locais na cidade de Pontevedra, probando, adaptando e implementado ferramentas de placemaking para un uso futuro. E todo iso en torno a catro eixos temáticos: Economía creativa e da innovación; Burocracia creativa; Placemaking verde e azul; e Desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes. As sesións realizaranse no Teatro Principal, a praza do Teucro, Santa Clara, Casa das Campás e avenida de Santa María.

Toda a información sobre o evento pode consultarse na web placemaking-europe.eu. O festival conta con actividades abertas e de libre acceso ao público en xeral (as desenvolvidadas no Teucro e na avenida de Santa María).

O programa oficial foi iniciado este martes no Teatro Principal, ás 18.00 horas, coas palabras de apertura do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores quen, baixo o título A historia de Pontevedra: que nos trouxo aquí?, contou a transformación vivida na Boa Vila durante os últimos anos ata converterse nun referente mundial. Estivo acompañado por Ramon Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe; Hans Karssenberg, fundador de STIPO, así como socio fundador e membro do consello de administración de Placemaking Europe; Vivian Doumpa, urbanista e xeógrafa, STIPO Grecia e membro do consello de administración de Placemaking Europe; e José Chong, especialista en Desenvolvemento Urbano e Cooperación Internacional e oficial de xestión de programas en ONU-Habitat. Este acto será de libre acceso para toda a cidadanía ata completar a capacidade.

Tal e como sinalou o rexedor na súa charla, este tentou ofrecer «unha panorámica desta transformación de Pontevedra, sendo consciente de que ningún coñecemento teórico pode substituír ao coñecemento directo, á vivencia do espazo público e da textura dunha cidade, ao contacto físico, sensorial e cognitivo coa realidade. Por fortuna, gran parte de vos xa tendes, aínda que sexa de forma parcial, esas vivencias, o cal vai axudarme moito na transmisión das ideas».

Lores sinalou as diferentes fontes de información que inspiraron o modelo, amais deas personalidades e intelectuais que tiveron o seu impacto na cidade, como é o caso de Fernando Nebot, por exemplo. «Temos visitado e intercambiado experiencias con varios centos de cidades, tanto do estado español, como exteriores, de USA, México, Brasil, Bélxica, Francia, Alemaña, Austria, Albania, Suíza, Italia, Portugal, China, Xapón, Corea do Sur, Emiratos Árabes, Suecia, etcétera…», lembrou.

O alcalde indicou que «non hai atallos nin solucións simples ou simplistas de efectos máxicos. Para ter éxito, hai que afrontar un asunto tan complexo en todas as súas vertentes e con bos coñecementos». «Se algo temos aprendido en Pontevedra, é que resulta imprescindíbel seguir, analizar e aprender de todas as ideas, de todas as propostas e de todas as experiencias existentes en calquera parte do mundo. Pero non para copiar solucións senón para seleccionar as que mellor se poden adaptar a nosa cidade ou vila e para aprender dos erros en cabeza allea».

Seguidamente, ás 19.30 horas, os supermoderadores Minouche Besters, socia directora de STIPO; Nate Storring, escritor, investigador, comisario e coordinador, codirector executivo de Project for Public Spaces; Jennifer Jiang, arquitecta, deseñadora estratéxica e urbanista en Politics for Tomorrow; Robyn Bennett, responsable de programas e asociacións internacionai, Creative Bureaucracy Fest; Peter Smith, PlacemakingX e director de Place Governance Partners (PGP); Carmen Mays, consultora de desenvolvemento económico e comunitario e fundadora de Elevators; e Charles Landry, autor, asesor internacional sobre o futuro das ciudades e pai do concepto “cidade creativa”, guiaron ao público asistente a través de preguntas chave sobre como podemos crear xuntos, durante os próximos tres días, mellores urbes. Cada un deles presentou o seu punto de vista sobre as cuestións máis urxentes que debemos abordar cando falamos do futuro das cidades. Os temas que se introducirons nesta sesión de apertura discutiranse logo en todas as conferencias do festival.

Está pasando!