Elena Torres durante a presentación do ‘Verán Sanxenxo 2024’ | © Concello de Sanxenxo

Sanxenxo propón unha ampla programación de verán con 47 actividades diferentes

24 Xuño 2024

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, presentou esta mañá o programa no salón de plenos


A concelleira de Cultura e Eventos de Sanxenxo, Elena Torres, presentou esta mañá o programa de actividades para este verán no salón de plenos. Máis de 47 actividades diferentes encherán os días de xullo, agosto e principios de setembro de propostas diferentes onde a música será protagonista, pero tampouco faltará a maxia, os contacontos, as exposicións ou o circo nin tampouco as tradicionais citas organizadas polos colectivos locais coa colaboración do Concello como a Muiñada de Soalleira (25 de xullo), o Mundial de Colchóns (21 xullo), o Certame de Pintura Rápida de Arra (4 de agosto) ou a Festa Labrega en Bordóns (17 de agosto), a Festa da Ostra (9,10 e 11 de agosto) ou Sanxenxo na Historia.

O deseño do programa de man realizado pola directora do Centro de Arte, María Vázquez, conta este ano cunha novidade e estará dispoñible a finais desta semana. A portada e contraportada está formada por elementos identificativos de Sanxenxo como o Atlante, a madama ou a capela da Lanzada, entre outros, en formato adhesivo para que se poidan extraer do programa.



A programación arrincaría o 4 de xullo e prolongaríase ata o 8 de setembro cun novo emprazamento, a Praza do Pazo, que se suma ao resto de localizacións do municipio. “É unha praza que nos vai dar moito xogo e que vai a acoller o Festivaliño, unha actividade nova coa que durante toda a tarde tanto nenos como maiores gozarán de música, cinema e outras propostas lúidicas (11 de xullo), un espectáculo de maxia de Pedro Volta (15 agosto) e un concerto da Banda de Música de Sanxenxo e a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón”, explicou.

Outra das novidades do programa é o Ciclo de Maxia Internacional que percorrerá as distintas parroquias do municipio con espectáculos e magos diferentes ou o espectáculo musical Portugal no Camiño (31 de xullo), na Praza do Mar, co que se quere homenaxear aos miles de visitantes lusos que visitan cada ano Sanxenxo.

Torres destacou a recuperación da Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas Sanxenxo co seu trixésimo sexta edición do 6 ao 8 de setembro como peche da programación de actividades estivais. Tamén destacan as exposicións. Ata un total de 9 mostras diferentes poderanse gozar durante os meses de xullo, agosto e setembro en espazos ao aire libre como a Praza do Mar, Fonte de Ramos e o espigón do porto ou na Sala Nauta.

Está pasando!